Telefónica lanza a II edición do concurso de ciberseguridade para os colexios
luns, 3 de outubro do 2022
Logo
da importante repercusión da primeira convocatoria, na que
participaron máis de 1.600 escolares de 38 colexios galegos,
Telefónica
promove na nosa terra a II edición do concurso Ciberseguridade no
cole! para alumnos de 10 a 14 anos. Está dirixido ao
alumnado de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO, e o prazo de
inscrición para participar estará aberto até o vindeiro 10 de
outubro ás 12h. O obxectivo é favorecer as navegacións seguras na
contorna escolar e facilitar que a rapazada poida adquirir os
coñecementos e as ferramentas necesarias para facer fronte aos
riscos que entraña o uso dos medios dixitais, ademais de promover
unha cultura de ciberseguridade entre os adolescentes.
Para
poder participar no concurso os centros de primaria e secundaria
deberán inscribirse nun formulario vía
web na ligazón específica habilitada pola operadora.
Os
centros educativos participantes no concurso e que rexistren
correctamente o formulario serán informados o 13 de outubro vía
correo electrónico dos detalles da súa participación e os
requisitos técnicos (equipo informático con conexión a Internet)
necesarios para a primeira fase inicial online do certame, que
se celebrará o 20 de outubro. Telefónica sinala que será
“requisito necesario rexistrarse utilizando un correo electrónico
do propio centro escolar para validar a participación”. Logo
daranse a coñecer os 3 equipos finalistas de cada categoría
(Primaria e Secundaria), que serán convidados a participar na fase
final presencial que se celebrará o día 10 de novembro na Cidade da
Cultura de Santiago durante o Encontro CIBER.gal, onde serán
anunciados os gañadores.
Os
detalles máis relevantes do concurso e as súas bases legais poden
consultarse no portal da Consellería de Educación na seguinte
ligazón.