Telefónica lanza a IV edición do concurso Ciberseguridade no cole!

xoves, 19 de setembro do 2024 S. P.

Telefónica puxo en marcha a IV edición do concurso Ciberseguridade no cole!, dirixido a alumnos de 10 a 14 anos e no que os centros educativos de Primaria e/ou Secundaria poderán formalizar a súa inscrición ata o 7 de outubro ata as 14 horas.
O obxectivo do certame é “fomentar a concienciación en materia de ciberseguridade no ámbito escolar, e facilitar que os alumnos 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º da ESO adquiran os coñecementos e ferramentas para facer fronte aos riscos que entraña o uso dos medios dixitais”. Así mesmo, persegue crear “un impacto positivo na sociedade, contribuíndo a promover unha cultura de ciberseguridade entre os adolescentes e o traballo dunha forma colaborativa na súa fase final”.
Ciberseguridade no cole! contará de dúas fases, unha inicial de clasificación online e outra final presencial. A primeira celebrarase o próximo 15 de outubro en horario escolar e terá un formato quiz time, na que todos os concursantes competirán en liña conectados a unha plataforma dixital (Kahoot!) e respondendo as preguntas expostas pola organización durante un mesmo espazo de tempo. Durante esta fase, seleccionarase aos tres equipos clasificados de cada categoría (Primaria e Secundaria) coa maior cantidade de respostas contestadas, tendo en conta os tempos de resposta en caso de empate. A segunda desenvolverase o próximo 7 de novembro, en horario matinal e no marco do IV Encontro Ciber.gal, organizado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer os gañadores.
Como novidade, nesta cuarta edición, cada centro escolar clasificado estará representado nesta fase da competición por 2 alumnas/os, formando un único equipo de 6 participantes por cada categoría. A dinámica será de preguntas e respostas contrarreloxo, onde o equipo, cun capitán á fronte, deberá responder ao ciberreto exposto de maneira única. Para iso, contará coa axuda de dous comodíns: o do público, que dispoñerá de cartolinas de cores nos seus asentos para facelo, e o dos profesores. O traballo colaborativo será a base para alcanzar o éxito común en cada misión e lograr en equipo os premios establecidos -formativos, didácticos e relacionados coa seguridade-, que estarán divididos por bloques formando unha pirámide e que, a medida que se vaian acertando as preguntas, iranse desbloqueando. As 3 clases que forman equipo levarán o mesmo premio final, que irá destinado ao centro escolar.
Telefónica lembra que desde o seu arranque en 2021, Ciberseguridade no cole! experimentou “un gran éxito de convocatoria, con máis de 14.000 alumnos”, de 500 clases e 200 colexios galegos participantes nas tres edicións anteriores.
Os detalles máis relevantes do concurso e as súas bases legais poden consultarse nas ligazóns da presentación do concurso e máis nas bases legais.