Telefónica lanza o 1º servizo de comunicacións entre centros de datos a proba de ataques cuánticos

mércores, 7 de xaneiro do 2026 S. P.

Telefónica estreou o ano lanzando un servizo pioneiro para as comunicacións entre centros de datos empresariais protexido protexido con criptografía post-cuántica (PQC, polas súas siglas en inglés) que o fai resistente a posibles ataques cuánticos. A operadora salienta que se trata da primeira firma de telecomunicacións en dar este paso en España.
Engade que o novo servizo, chamado Interconexión CPD, está orientado a securizar con criptografía post-cuántica a información que se pode intercambiar entre data centers, xa que as maiores concentracións de datos sensibles atópanse nas redes de interconexión entre aqueles e as sedes corporativas.
Deste xeito, Telefónica busca “protexer a confidencialidade de información crítica como poden ser historiais médicos, datos persoais, patentes, información financeira ou contratos confidenciais fronte a ataques como o denominado Store Now, Decrypt Later co que os ciberdelincuentes poden interceptar e almacenar hoxe información cifrada para descifrala no futuro usando computación cuántica.
Interconexión CPD incorpora diversas opcións de criptografía post-cuántica ou Quantum Safe como son o ML-KEM, Classic McEliece ou Frodo KEM, en aliñamento coas recomendacións dos distintos organismos internacionais como son o NIST (National Institute of Standards and Technology) norteamericano ou a autoridade alemá BSI (Oficina Federal para a Seguridade da Información), e “que adecúan o servizo aos requisitos de seguridade e resiliencia esixidos na normativa europea de infraestruturas críticas”, informou Telefónica, engadindo que o servizo achega compatibilidade coa tecnoloxía de distribución cuántica de claves (QKD), que utiliza principios da mecánica cuántica para crear e distribuír unha clave secreta entre dúas partes. “Contamos con máis de 15 anos de experiencia neste ámbito como mostra tanto a despregadura do anel QKD de Madrid (TEFQCI), rede experimental pre-comercial de comunicacións cuánticas despregadas en 4 das nosas centrais, ou a colaboración con hospitais Vithas na que foi usada a tecnoloxía QKD para protexer os datos médicos fronte a futuros ataques de computación cuántica”, engadiu a operadora.
Yolanda Bueno, xerente de Marketing de Infraestruturas de Telefónica España, destacou: “Desde Telefónica somos moi conscientes do papel esencial que as comunicacións xogan á hora de protexer a confidencialidade da información crítica que transita a través das nosas infraestruturas. O servizo de Interconexión CPD protexido con criptografía Quantum-Safe é un primeiro paso na evolución dunha liña de servizos destinados a ofrecer comunicacións para empresas que estean protexidas fronte aos ataques con computación cuántica, garantindo así a confidencialidade futura e a integridade das operacións de grandes empresas e infraestruturas críticas”.