Telefónica lembra que máis da metade da poboación galega pode gozar xa da súa fibra óptica

xoves, 23 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Telefónica comezou o ano facendo un exhaustivo balance sobre a presenza de fibra óptica de seu na nosa terra (Internet ultrarrápida para os nosos concellos). Segundo fixo saber a operadora, a día de hoxe máis da metade da poboación galega pode gozar do devandito servizo FTTH (Fibra até o Fogar polas súas siglas en inglés). Respecto deste ano que vimos de deixar atrás, o 2019, un total de 125.721 novas vivendas e negocios incorporáronse á zona de cobertura da infraestrutura habilitada por Telefónica, o que representa un incremento do 14,5%.
Estes avances insírense na estratexia de Telefónica de brindar a Galicia tecnoloxías de última xeración a través de iniciativas de colaboración público-privada, unha estratexia que, como dixemos, fixo posíbel que co remate de 2019 máis da metade da poboación da Comunidade autónoma contase con cobertura de fibra óptica (FTTH) da multinacional dixital, e que en municipios moi rurais como Sarreaus (Ourense) ou Meira (Lugo) a cobertura chegase ao 100%.
Como se dixo, ao longo de 2019 sumáronse 125.721 unidades inmobiliarias (vivendas, locais, negocios, empresas, polígonos industriais, etc.) até totalizar 987.842 UUII, un 14,58 % máis que no exercicio anterior. A previsión é que este ano outras 148.216 unidades inmobiliarias entren en cobertura con FTTH, aumentando en máis dun 8% a poboación galega que poderá gozar da fibra óptica de Telefónica.
A operadora engade que están previstos ao longo do ano despregues en localidades do catro provincias galegas para completar a extensión da fibra óptica en municipios como Bergondo (A Coruña), Caldas de Reis (Pontevedra), Boborás (Ourense) ou Castroverde (Lugo), abranguendo tamén núcleos “dispersos e orograficamente complexos”, en palabras da compañía, que engade que o fornecemento de fibra óptica en Galicia “realizouse con recursos propios da compañía e cos achegados polos programas de axudas de extensión de banda larga das administracións autonómica e central”.
Cousas que fai posíbel a fibra óptica
A empresa de telecomunicacións explica que a fibra óptica permitirá aos usuarios de Telefónica “ir incrementando o uso de banda larga nos vindeiros anos na medida que a progresiva dixitalización das actividades particulares, profesionais e empresariais así o esixa”.
A operadora tamén lembra que a fibra óptica de Movistar ofrece “voz con alta calidade nas chamadas, máxima velocidade de conexión a Internet e a a posibilidade de conectar varios dispositivos (computador, tableta, móbil) a Internet de xeito simultáneo sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes”. Ademais, se o usuario dispón de Movistar+ terá acceso a canles de alta definición co dobre de resolución que a TDT ou o DVD e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet. Igualmente conseguirá unha maior interacción en xogos en rede cunha conexión fluída e sen cortes.

PUBLICIDADE