Telefónica ligará dispositivos IoT vía satélite con 5G para ofrecer conectividade en zonas remotas

xoves, 21 de xullo do 2022 S. P.

Telefónica, a través das súas divisións Telefónica Tech e Telefónica Global Solutions (TGS), e Sateliot, operador de telecomunicacións vía satélite, colaboran no desenvolvemento dun innovador servizo de conectividade con tecnoloxía 5G NB-IoT dual no que se integrarán a nova rede satelital de Sateliot coas actuais redes NB-IoT terrestres de Telefónica Tech. O obxectivo é ofrecer conectividade IoT (Internet das Cousas, polas súas siglas en inglés) onde o cliente precise, “incluíndo cobertura marítima”, sinalou a compañía de telecomunicacións.
Ademais, búscase complementar a proposta de valor de Telefónica Tech cun servizo satelital global mediante constelacións de órbita baixa (LEO, Low Earth Orbit)) para fornecer de servizo 5G NB-IoT. Telefónica explica que esta constelacións orbitan a unha altura de entre 500 e 1.000 quilómetros, moito menor que os tradicionais satélites geoestacionarios. Tameén destaca a súa compatibilidade cos estándares de 3GPP, “o que permitirá que os dispositivos NB-IoT se conecten de forma transparente tanto ás actuais redes terrestres como á nova rede satelital”.
A arquitectura deseñada por Telefónica Tech, TGS e Sateliot integra de forma nativa a rede satelital cos nodos de rede de Kite, a plataforma de conectividad xestionada IoT desenvolvida por Telefónica Tech coa que o cliente pode facer monitoraxe do seu parque de liñas en tempo real e de forma remota desde calquera lugar do mundo a través dun portal web ou mediante APIs.
A operadora engade que “este servizo de conectividade 5G vía satélite non requirirá utilizar dispositivos diferentes aos que xa se usan na conectividade NB-IoT e prevese que ámbitos como a agricultura, a industria naviera, os parques eólicos, os hortos solares e a gandaría sexan os sectores máis beneficiados por ser os que necesitan cobertura en zonas remotas”. Telefónica Tech e TGS teñen previsto iniciar os primeiros pilotos pre-comerciais con clientes a finais deste ano.

PUBLICIDADE