Telefónica optimizará as estadías dos esquiadores en Serra Nevada con análises de información masiva

venres, 17 de marzo do 2017 Redacción

Unha das cousas boas das aplicacións, a información masiva (Big Data) e a intelixencia artificial é que chegan a todos os recantos, mesmo á neve. Na celebración dos Campionatos do mundo de FreestyleSki e Snowboard desenvolvidos en Serra Nevada (Granada) púidose ver un aquel de tecnoloxías aplicadas ao seguimento de persoas e infraestruturas en contextos de frío extremo e de alta montaña, facéndose fincapé en como mellorar as experiencias desas persoas e, tamén, desas infraestruturas. Por exemplo o estudo analítico presentado por Synergic Partners, empresa do Grupo Telefónica, sobre as posibilidades da información inxente (Big Data) para mellorar a experiencia dos esquiadores en Serra Nevada.
O proxecto permitiu explorar o comportamento dos usuarios da estación de esquí co obxectivo, nas súas palabras, de fornecelos dunha mellor experiencia e propostas personalizadas, así como mellorar a eficiencia operativa da estación invernal.
Para o desenvolvemento da iniciativa, avaliáronse cousas como o perfil do deportista, os patróns de compra de abonos de esquí, a idade, a procedencia, a frecuencia de uso dos remontadores ou o tempo total das estadías dos usuarios nas estacións, entre outras variábeis.
Segundo sinalou a filial de Telefónica, o estudo das actividades dos deportistas durante dous meses achega información de abondo como para predicir como se comportarán os usuarios das estacións en datas vindeiras, o que ten un gran potencial de cara realizar recomendacións personalizadas que poden mellorar enormemente a experiencia do usuario. En palabras de Synergic Partners, estamos ante un exemplo máis de como a análise da información inxente xerada pola xente pode ser un elemento clave para potenciar os resultados de calquera perfil de empresa.
A partir do seu estudo, Telefónica e Synergic Partners presentaron tamén unha nova caracterización dos usuarios a partir do seu nivel de experiencia e a identificación de patróns de uso nos remontes da estación de esquí, permitindo coñecer o perfil dos usuarios e o emprego das pistas de Serra Nevada. E todo isto “co obxectivo de realizar propostas personalizadas que se axusten ás necesidades de cada esquiador”. Tamén se presentaron novidades que podería incorporar a estación andaluza como servizo, por exemplo ver a tempo real a ocupación de todas as pistas ou as ringleiras de espera nos distintos remontadores. Ou, tamén, xerar recomendacións personalizadas para cada un dos usuarios en función do seu perfil.

PUBLICIDADE