Telefónica participará no demostrador europeo de drons previsto en Santiago para o día 28
venres, 23 de setembro do 2022
Telefónica
confirmou a
súa participación nas demostracións de voo e control de tráfico
aéreo de drons do AMU-LED que se van celebrar o vindeiro 28 de
setembro na Cidade da Cultura de Santiago. AMU-LED é un proxecto
de H2020 no que están involucradas empresas e institucións de
Estados Unidos e Europa, e cuxo obxectivo final é “desenvolver
técnica e normativamente a coordinación de múltiples operacións
de drons en contornas urbanas para garantir a súa seguridade”. A
demostración, como sinalamos recentemente dende Código
Cero, será coordinada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia, o ITG.
Telefónica
participará en dúas das operacións de voo que se levarán a cabo
ese día ante os medios de comunicación, proporcionando
conectividade 5G aos vehículos aéreos non tripulados que participan
nelas. A través da tecnoloxía 5G de Telefónica, aproveitando a súa
baixa latencia (é dicir, retardo), transmitirase desde os drons
vídeos de alta resolución que serán analizados con Intelixencia
Artificial en tempo real para detectar de forma automática
diferentes elementos da cidade como edificios, coches e persoas en
labores de inspección. Asemade, usarase a 5G para transmitir datos
de telemetría do dron, reportando en tempo real a súa posición,
velocidade, estado, etc. Toda esta información será integrada
dentro da plataforma U-Space, para permitir a coordinación co resto
de operacións con drons que se estean realizando ao mesmo tempo
sobre o ceo de Santiago.
Ademais
de garantir todo este fluxo de información desde os vehículos
aéreos, realizaranse tamén probas de localización baseadas na rede
5G de Telefónica, que explica que este posicionamento vía 5G é
independente do posicionamento vía GPS do dron, e serve como axente
corroborador das coordenadas transmitidas por este. “Así”,
engade Telefónica, “a 5G utilizarase nestes casos como ferramenta
de verificación ante potenciais hackeos do sinal de GPS ou en
situacións de emerxencia nas que non se poida dispor deste
posicionamento”.
AMU-LED
é unha iniciativa que comprende unha das maiores demostracións de
servizos de mobilidade con vehículos aéreos en contornas urbanas.
Estas demostracións xa se realizaron en Cranfield (Reino Unido),
Amsterdam e Róterdan (Países Baixos). Santiago de Compostela será
a única cidade española que a acollerá. Coordinada polo ITG,
intervirán aeronaves tripuladas e non tripuladas, que realizarán
máis de 30 operacións, tanto reais como simuladas, nun total de 11
vertiportos repartidos entre a Cidade da Cultura, o Aeroporto Rosalía
de Castro (Lavacolla), o campo de fútbol da Universidade de Santiago
e a base do helicóptero do 061 no Hospital de Conxo.