Telefónica deixou de dar servizo á galega Ocean’s por impagamento

mércores, 20 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Esta mañá o operador con sede na Coruña Ocean’s advertiu a través das redes sociais que parte dos seus servizos de fibra e ADSL víronse afectados por unha avaría na que xa están a arranxar para restablecer o servizo o antes posible, pero medios como ADSLzone aseguran que realmente o acontecido é moito máis grave, pois sería consecuencia da desconexión do acceso do operador coa rede de Telefónica, compañía que prestáballe servizos maioristas e a finais de abril recibiu autorización por parte da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia para cesar a prestación de servizos ante impagamentos por parte de Ocean’s dende hai tres anos.
Aínda que non se anunciou por canles oficiais, a resolución da CNMC está datada no pasado 25 de abril e daba a Telefónica un prazo de mes e medio a partiro do seguinte día da notificación da resolución a Ocean’s Network para a resolución dos contratos en vigor e o cesamento na prestación de servizos, o que non parece casual.
Dende Ocean’s aseguran que restituirán os seus servizos en breve, entendendo que será a través outro provedor, pero en vista da situación de impagamento anterior podemos entender que a viabilidade da compañía está en serias dúbidas, o que non resulta nada esperanzador, especialmente dende un punto de vista galego, xa que é un dos poucos operadores que temos na nosa comunidade.

ACTUALIZACIÓN (14:15 horas): Ocean’s Network vén de publicar un comunicado no que indica que a incidencia na súa rede está relacionada cun problema de interconexión con Orange, que tamén padeceron outras compañías nas últimas horas (que dende Orange asweguran que só tería afectado ás chamadas de móbiles), detallando que continúa a traballar para normalizar o servizo cos clientes de ADSL e fibra óptica.

ACTUALIZACIÓN (20:00 horas): Ocean’s Network publicou un novo comunicado no que deron por solucionara a incidencia do servizo de telefonía móbil desta mañá, provocado por un fallo na rede de Orange, á vez que anuncian que nas últimas horas pecharon un acordo coa empresa de telecomunicacións Wialink para garantir a continuidade dos servizos de ADSL e fibra óptica tras o cesamento do subministro por parte de Telefónica (detalle que a compañía non estaba a recoñecer publicamente durante a mañá, pese a existir unha resolución da CNMC que o indicaba claramente).

ACTUALIZACIÓN (22-6-2018): Ocean’s Network vén de difundir un comunicado asegurando que están a realizar os traballo de reconfiguración da súa rede para permitir a restauración dos servizos de Internet e avanza que compensará economicamente aos clientes que se viran afectados polos cortes no servizo da Internet.

PUBLICIDADE