Telefónica pon a 5G a disposición do 78% da poboación galega
martes, 19 de xaneiro do 2021
Telefónica
vén de compartir un novo balance sobre o seu servizo na nosa terra,
poñendo o foco nos esforzos que está a desenvolver para dotar o
territorio de tecnoloxía 5G, a nova xeración de tecnoloxía móbil.
Segundo
fai saber a operadora, foi quen de “superar os plans iniciais de
despregamento da 5G en Galicia”, concluíndo o ano poñendo o novo
estándar móbil a disposición do 78% da poboación da nosa terra.
Isto
tradúcese, a nivel de concellos, en 129 municipios con polo menos un
nodo 5G habilitado, o que significa que, desde finais do pasado ano,
máis de 2.184.000 galegas e galegos poden acceder a este servizo se
dispoñen dun terminal axeitado.
Por
provincias, A Coruña ten xa 51 concellos con nodos 5G de Telefónica,
que dan servizo ao 82% da súa poboación, mentres en 38 municipios
da provincia de Pontevedra despregáronse nodos que dan cobertura ao
85% da poboación.
Na
provincia de Ourense despregáronse en 18 concellos, dando así
servizo 5G ao 57% da poboación, e en Lugo en 22 concellos, cubrindo
ao 62% da poboación.
Segundo
salientou o máximo responsable de Telefónica en Galicia e director
de Administracións Públicas do Territorio Norte, Manuel Ángel
Alonso, “o aceso da 5G súmase á enorme capilaridade do LTE, 4G e
3G de Telefónica en Galicia, que se sitúa no 99% da poboación, o
que significa que a comunidade autónoma ten unha cobertura de banda
larga móbil por enriba da media nacional e sen parangón en Europa”.
En
relación ao tipo de tecnoloxía 5G empregada, nesta primeira fase
empréganse emprazamentos e infraestruturas actuais para lanzar a
rede 5G con arquitectura NSA (Non Stand Alone),
e despregarase a rede 5G SA (Stand Alone) cando a
tecnoloxía estea plenamente dispoñíbel despois da estandarización,
explicou Telefónica, engadindo que grazas á 5G, “os usuarios
poderán descargarse na súa casa unha película en segundos, e
aqueles que sexan afeccionados ao gaming contarán cunha
experiencia en mobilidade semellante á que lles achega a fibra no
fogar, sen interrupcións ou latencia”.
Para
as empresas, a operadora salienta os servizos de Multiaccess Edge
Computing, que ofrecen “ultra baixa latencia” e unha “maior
capacidade de cómputo ao bordo da rede”, ademais de servizos como
as redes privadas 5G, o IoT (Internet das Cousas) masivo e as
comunicacións críticas, xunto á virtualización da rede, que
facilita utilizar os recursos de redes de forma máis eficaz en
función das necesidades dos clientes. “A 5G será fundamental
tamén para o desenvolvemento da chamada Industria 4.0 e para todos
os servizos relacionados coa saúde ou a educación”, concluíu a
compañía no seu balance galego.