Telefónica reforza a cobertura 3G e 4G do Resurrection Fest

xoves, 12 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Concerto de Trivium no Resurrection Fest nunha imaxe de Fran Velasco

Telefónica quere dar o mellor servizo posíbel nos nosos grandes acontecementos festeiros e musicais da tempada. Se onte falamos do reforzamento do servizo para festivais como o a da Luz (en Boimorto) ou o de Ortigueira, hoxe a operadora deu a coñecer unha iniciativa análoga para a décimo terceira edición do Resurrection Fest de Viveiro, que se celebra dende este 12 de xullo até o vindeiro sábado, e que prevé congregar a preto de 90.000 visitantes. Por estas e outras razóns (pola multitude de xente reunida, pola relevancia do acontecemento), Telefónica fortaleceu cunha unidade móbil a cobertura de rede móbil 3G e 4G do festival da Mariña.
Ademais, a operadora procedeu a optimizar tamén a capacidade das estacións base próximas á localidade, á cidade de Lugo e a Ribadeo, “para atender o aumento do tráfico de datos xerado polo desenvolvemento do festival e a afluencia de turistas no verán”. Unha afluencia que segundo lembra Telefónica, en 2017 supuxo en Galicia un incremento do 30% en 3G e un 45% en 4G.
Segundo engade a compañía de telecomunicacións, o obxectivo destas actuacións é “dar resposta ao incremento da demanda de voz e datos prevista durante o festival, que na pasada edición rexistrou un aumento do 98% en 3G, 117% en 4G e un 38% en chamadas de voz, en conxunto coa Romaría de Naseiro, que se celebra a finais de agosto e á que tamén se trasladará unha unidade móbil”.

PUBLICIDADE