Telefónica reforza a cobertura 5G en Bueu con motivo do SonRías Baixas

xoves, 31 de xullo do 2025 S. P.

Telefónica reforzará a súa rede móbil 5G en Bueu durante a partir deste 1 de agosto, venres, e durante toda a semana para garantir a cobertura de datos e voz durante o SonRías Baixas, o festival de música que atraerá á localidade do Morrazo a miles de persoas.
O reforzo en Bueu con motivo do SonRías Baixas inscríbese dentro da estratexia posta en marcha pola compañía durante este verán para “garantir a máxima calidade do servizo en eventos deste tipo e nos 80 municipios galegos de costa e interior considerados de gran atracción turística, xa que durante a época estival rexistran un aumento significativo de visitantes”.
Todos contan con 5G, e mesmo 50 deles con 5G de altas prestacións na banda de 3.500 MHz, pero aínda así Telefónica realizou accións especiais de reforzo en 42 deses municipios (34 de costa e 8 no interior) co obxectivo de garantir a adecuada resposta ao aumento de demanda de voz e datos que se produce durante estas semanas.
Ademais deste reforzo en zonas de gran atracción turística como Sanxenxo, Vilagarcía, Baiona, Viveiro, Burela, Foz, Ortigueira, Muxía, Carballo ou Carballiño, entre outras, mellorouse tamén a cobertura máis de 100 eventos como o de Bueu que se celebraron ou que se van celebrar nas próximas semanas en diversos puntos da xeografía galega, como poden ser Arde Lucus en Lugo, O Marisquiño de Vigo, a Romaría Viquinga de Catoira, o Festival Portamérica, a Festa da Peregrina de Pontevedra, o Silfest de Valdeorras, a Festa do Polbo do Carballiño, o Atlantic Fest de Vilagarcía de Arousa, a Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña ou a Festa do Albariño de Cambados.