Telefónica reforza a cobertura 5G en Caldas de Reis con motivo do Festival PortAmérica
mércores, 8 de xullo do 2026
Telefónica reforzará cunha unidade móbil e actuacións de parametrización avanzada na súa rede 5G en Caldas de Rei a partir deste xoves 9 de xullo e ata o próximo día 11 para garantir a cobertura móbil de datos e voz durante o multitudinario Festival PortAmérica.
A medida enmárcase dentro do Plan Verán activado pola compañía para “responder coa máxima calidade do servizo á alta demanda rexistrada nos eventos musicais, culturais e gastronómicos especialmente multitudinarios que se celebran en Galicia durante a época estival e que supoñen un aumento significativo do tráfico de voz e datos polo seu gran interese turístico”, sinalou a operadora, engadindo que a unidade móbil que vai despregar en Caldas de Rei con 5G de altas prestacións “permitirá aumentar de forma temporal a capacidade e a velocidade de transmisión de datos, mellorando así a experiencia do usuario e garantindo a conectividade durante o festival”.
Sergio Sánchez, director de Operacións, Rede e TI de Telefónica España, destaca: “Telefónica asume o reto de converterse na mellor vía de acceso dos cidadáns ás tecnoloxías dixitais. Contamos coa mellor rede para ofrecer máis e mellores servizos alí onde os nosos clientes máis o necesitan, especialmente en momentos de máxima concentración turística como é este período estival”.
Ademais de en Caldas de Reis, Telefónica mellorará a capacidade da súa rede móbil noutros 25 eventos que se desenvolverán en diversas localidades da provincia de Pontevedra, entre os que se atopan a Festa da Auga, de Vilagarcía de Arousa, a Festa do Carneiro ao Espeto, de Moraña, o Festival O Son da Muralla, de Salvaterra de Miño, as Festas do Monte, da Guarda, as Festas da Peregrina, de Pontevedra, ou a da Empanada, de Bandeira.
No conxunto de Galicia, o plan estival da operadora inclúe o reforzo da cobertura nun total de 74 grandes eventos que se celebraron ou que se van celebrar nas vindeiras semanas e ata setembro en diversos puntos da xeografía galega. Tamén actuacións de optimización nas infraestruturas xa existentes, ademais de novos despregamentos no litoral -na Coruña, Arteixo, Ferrol, Pontevedra e Sanxenxo- e un dispositivo especial para a eclipse do próximo 12 de agosto.
Telefónica é actualmente líder en 5G en España con máis do 95% da poboación e máis de 6.200 municipios cubertos na banda de 3.500 MHz (altas prestacións), na de 700 MHz ou en ambas as. No caso de Galicia, a cobertura 5G alcanza xa ao 95% da poboación, con máis de 280 municipios nos que se pode gozar desta tecnoloxía.
