Telefónica reforza a cobertura 5G en Ortigueira con motivo do Festival do Mundo Celta
mércores, 8 de xullo do 2026

- Unha actuación do festival nunha imaxe de David Bermejo
Telefónica reforzará cunha unidade móbil e actuacións de parametrización avanzada na súa rede 5G en Ortigueira a partir deste xoves 9 de xullo e ata o próximo día 12 de xullo para garantir a cobertura móbil de datos e voz durante o Festival Internacional do Mundo Celta.
A medida enmárcase dentro do Plan Verán activado pola compañía para “responder coa máxima calidade do servizo á alta demanda rexistrada nos eventos musicais, culturais e gastronómicos especialmente multitudinarios que se celebran en Galicia durante a época estival e que supoñen un aumento significativo do tráfico de voz e datos polo seu gran interese turístico”.
A unidade móbil que se despregará en Ortigueira con 5G de altas prestacións permitirá aumentar de forma temporal a capacidade e a velocidade de transmisión de datos, mellorando así a experiencia do usuario e garantindo a conectividade durante o festival.
Ademais de en Ortigueira, Telefónica mellorará a capacidade da súa rede móbil noutros 26 eventos que se desenvolverán en diversas localidades da provincia da Coruña, entre os que se atopan as Festas do Apóstolo de Santiago de Compostela, a Feira Franca Medieval de Betanzos, a Romaría da Barca de Muxía ou o Morriña Fest da Coruña.
No conxunto de Galicia, o plan estival da operadora inclúe o reforzo da cobertura nun total de 74 grandes eventos que se celebraron ou que se van celebrar nas próximas semanas e ata setembro en diversos puntos da xeografía galega. Tamén actuacións de optimización nas infraestruturas xa existentes, ademais de novos despregamentos no litoral -na Coruña, Arteixo, Ferrol, Pontevedra e Sanxenxo- e un dispositivo especial para a eclipse do próximo 12 de agosto.
