Telefónica reforza a cobertura 5G en Pontevedra durante as Festas da Peregrina
luns, 11 de agosto do 2025
A operadora Telefónica reforzou a súa rede móbil 5G en Pontevedra para garantir a cobertura de datos e voz durante as Festas da Peregrina.
O reforzo encádrase na estratexia posta en marcha pola compañía durante este verán para asegurar a máxima calidade do servizo en eventos deste tipo e nos 80 municipios galegos de costa e interior considerados de gran atracción turística, “xa que durante a época estival rexistran un aumento significativo de visitantes”, lembra Telefónica, recordando tamén que todos estes concellos contan con 5G, e mesmo 50 deles con 5G de altas prestacións na banda de 3.500 MHz.
Con todo, Telefónica realizou accións especiais de reforzo en 42 deses municipios (34 de costa e 8 no interior) co obxectivo de garantir a adecuada resposta ao aumento de demanda de voz e datos que se produce durante estas semanas.
Ademais deste reforzo en zonas de gran atracción turística como Sanxenxo, Vilagarcía, Baiona, Viveiro, Burela, Foz, Ortigueira, Muxía, Carballo ou Carballiño, entre outras, mellorouse tamén a cobertura máis de 100 eventos que se celebraron ou que se van celebrar nas próximas semanas en diversos puntos da xeografía galega, como poden ser Arde Lucus en Lugo, O Marisquiño de Vigo, a Romaría Viquinga de Catoira, o Festival Portamérica, o Silfest de Valdeorras, a Festa do Polbo do Carballiño, o Festival Son Rías Baixas de Bueu, o Atlantic Fest de Vilagarcía de Arousa ou a Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña.
