Telefónica reforza a cobertura 5G en Santiago durante as Festas do Apóstolo
mércores, 23 de xullo do 2025
Telefónica reforzará a súa rede móbil 5G en Santiago de Compostela durante estes días para, en palabras da operdora, “garantir a cobertura de datos e voz durante as Festas do Apóstolo, que atraerán a partir de mañá a miles de persoas á capital de Galicia”.
A compañía engade que o reforzo en Santiago encádrase dentro da estratexia posta en marcha durante este verán para “garantir a máxima calidade do servizo nos 80 municipios galegos de costa e interior que a compañía considera de gran atracción turística, e nos que durante a época estival prodúcese un aumento significativo de visitantes”.
Todos estes territorios de especial presenza de visitantes contan con 5G, e mesmo 50 deles con 5G de altas prestacións na banda de 3.500 MHz (como é o caso de Santiago de Compostela), pero, con todo, Telefónica quixo realizar “accións especiais de reforzo” en 42 deses municipios (34 de costa e 8 no interior) durante os meses estivais, co obxectivo de garantir “a axeitada resposta ao aumento de demanda de voz e datos que se produce durante estas semanas”.
Ademais deste reforzo en zonas de gran atracción turística como Sanxenxo, Vilagarcía, Baiona, Viveiro, Burela, Foz, Ortigueira, Muxía, Carballo ou Carballiño, entre outras, mellorouse tamén a cobertura en 102 eventos que se celebraron ou que se van celebrar nas próximas semanas en diversos puntos da xeografía galega, como poden ser Arde Lucus en Lugo, O Marisquiño de Vigo, a Romaría Viquinga de Catoira, o festival Portamérica, a Festa da Peregrina de Pontevedra, o Silfest de Valdeorras, a Festa do Polbo do Carballiño, o Festival Son Rías Baixas de Bueu, o Atlantic Fest de Vilagarcía de Arousa, a Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña ou a Festa do Albariño de Cambados.
