Telefónica reforza a cobertura 5G en Vigo con motivo de O Marisquiño
xoves, 7 de agosto do 2025
Telefónica reforzou a súa rede móbil 5G en Vigo para garantir a cobertura de datos e voz durante a celebración de O Marisquiño, a cita de cultura urbana que comeza este xoves 7 de agosto (ata o domingo 10) e que atraerá á cidade a miles de persoas.
Este reforzo encádarase dentro da estratexia posta en marcha pola compañía durante este verán para “garantir a máxima calidade do servizo en eventos deste tipo e nos 80 municipios galegos de costa e interior considerados de gran atracción turística, xa que durante a época estival rexistran un aumento significativo de visitantes”. Todos contan con 5G, e mesmo 50 deles con 5G de altas prestacións na banda de 3.500 MHz, e a maiores Telefónica realizou accións especiais de reforzo en 42 deses municipios (34 de costa e 8 no interior) co obxectivo de garantir a adecuada resposta ao aumento de demanda de voz e datos que se produce durante estas semanas.
A maiores deste reforzo en zonas de gran atracción turística como Sanxenxo, Vilagarcía, Baiona, Viveiro, Burela, Foz, Ortigueira, Muxía, Carballo ou Carballiño, entre outras, mellorouse tamén a cobertura máis de 100 eventos como o de Vigo que se celebraron ou que se van celebrar en diversos puntos da xeografía galega, como poden ser Arde Lucus en Lugo, a Romaría Viquinga de Catoira, o Festival Portamérica, a Festa da Peregrina de Pontevedra, o Silfest de Valdeorras, a Festa do polbo do Carballiño, o Festival Son Rías Baixas de Bueu, o Atlantic Fest de Vilagarcía de Arousa, a Festa do Carneiro ao Espeto de Moraña ou a Festa do Albariño de Cambados.
