Telefónica reforza a cobertura 5G en Viveiro con motivo da XXI edición do Resurrection Fest

martes, 30 de xuño do 2026 S. P.

Telefónica reforzará cunha unidade móbil e actuacións de parametrización avanzada na súa rede 5G en Viveiro a partir de mañá e ata o próximo día 5 de xullo para garantir a cobertura móbil de datos e voz durante XXI edición do Resurrection Fest, que recibe cada ano a miles de afeccionados á música na localidade.
A medida enmárcase dentro do Plan Verán activado pola compañía para, nas súas palabras, “responder coa máxima calidade do servizo á alta demanda rexistrada nos eventos musicais, culturais e gastronómicos especialmente multitudinarios que se celebran en Galicia durante a época estival e que supoñen un aumento significativo do tráfico de voz e datos polo seu gran interese turístico”.
A unidade móbil que se despregará en Viveiro con 5G de altas prestacións permitirá aumentar de forma temporal a capacidade e a velocidade de transmisión de datos, mellorando así a experiencia do usuario e garantindo a conectividade durante o festival.
Sergio Sánchez, director de Operacións, Rede e TI de Telefónica España, destaca que “Telefónica asume o reto indiscutible de converterse na mellor vía de acceso dos cidadáns ás tecnoloxías dixitais. Contamos coa mellor rede para ofrecer máis e mellores servizos alí onde os nosos clientes máis o necesitan, especialmente en momentos de máxima concentración turística como é este período estival”.
Ademais de en Viveiro, Telefónica mellorará a capacidade da súa rede móbil noutros 11 eventos que se desenvolverán en diversas localidades da provincia de Lugo, entre os que se atopan o Ribadeo Indiano, a Feira do Bonito de Burela ou as Festas Patronais de Monforte.
No conxunto de Galicia, o plan estival da operadora inclúe o reforzo da cobertura nun total de 74 grandes eventos que se celebraron ou que se van celebrar nas vindeiras semanas e ata setembro en diversos puntos da xeografía galega. A isto súmanse actuacións de optimización nas infraestruturas xa existentes, ademais de novos despregamentos no litoral (na Coruña, Arteixo, Ferrol, Pontevedra e Sanxenxo) e un dispositivo especial para a eclipse do próximo 12 de agosto.
“Somos líderes en 5G en España con máis do 95% da poboación e máis de 6.200 municipios cubertos na banda de 3.500 MHz (altas prestacións), na de 700 MHz ou en ambas as dúas”, engaden fontes da operadora, engadindo que “no caso de Galicia, a cobertura 5G alcanza xa ao 95% da poboación, con máis de 280 municipios nos que se pode gozar desta tecnoloxía”.