Telefónica reforza a súa rede móbil 5G en Ribadavia con motivo da Festa da Istoria
mércores, 28 de agosto do 2024
Telefónica anunciou que vai reforzar cunha unidade móbil a cobertura da rede 5G en Ribadavia para atender as necesidades de conectividade con motivo da Festa da Istoria, que se celebra entre os días 30 e 31 de agosto e o 1 de setembro, e congregará a miles de visitantes. Dará así resposta ao incremento da demanda de voz e datos prevista durante o evento, declarado de Interese Turístico, motivada pola afluencia de visitantes e o uso cada vez máis intensivo de dispositivos móbiles.
Concretamente, na provincia de Ourense Telefónica intensificará a cobertura de máis dunha decena de eventos que se desenvolven entre os meses de xuño a setembro, como é o caso da Festa dos Milagros (Baños de Molgas), o Rally Ribeira Sacra ou A Festa do Esquecemento (Xinzo), e como parte do centenar nos que mellorará a rede no conxunto de Galicia.
A acción forma parte do plan verán 5G que a Compañía despregou un ano máis en Galicia para aumentar a capacidade da rede en 43 destinos turísticos de costa e 6 de interior (dos 73 nos que xa está presente con esta tecnoloxía) con unidades móbiles temporais ou instalacións que permanecerán concluído o verán.
En España, dos 445 municipios turísticos nos que xa está presente a 5G de Telefónica, a compañía realizou accións especiais de reforzo para este verán nun total de 401 (320 no litoral e 81 en interior), mentres se reforzou a cobertura nun total de 576 eventos que se celebran durante a época estival en toda a xeografía estatal, tanto mediante o fortalecemento da rede como do desprazamento dun total de 103 unidades móbiles temporais.