Telefónica reforza a súa rede móbil 5G en Vilagarcía ante a demanda de tráfico da Festa da Auga
venres, 9 de agosto do 2024
Telefónica reforzará cunha unidade móbil a cobertura da rede 5G en Vilagarcía para atender as necesidades de conectividade con motivo da Festa da Auga, que se celebra o mércores 16 de agosto congregando a miles de visitantes. O obxectivo é “dar resposta ao incremento da demanda de tráfico de voz e datos prevista durante o evento, motivada pola afluencia de visitantes e o uso cada vez máis intensivo de dispositivos móbiles”.
A acción forma parte do plan verán 5G que a compañía despregou un ano máis en Galicia para aumentar a capacidade da rede en 43 destinos turísticos de costa e 6 de interior con unidades móbiles temporais ou instalacións que permanecerán concluído o verán.
En total, dos 73 municipios turísticos nos que Telefónica xa está presente con 5G en Galicia, na provincia de Pontevedra reforzou con accións especiais 18 deles con gran afluencia de visitantes estivais. A operadora busca desta maneira intensificar a súa cobertura, así como a de máis dunha trintena de eventos que se desenvolven entre os meses de xuño a setembro en diversos puntos da súa xeografía, como é o caso da Festas da Peregrina ou a Feira de Franco de Pontevedra, a Festa da Empanada de Bandeira, a Romaría dos Milagros de Moraña ou a Regata Príncipe de Asturias en Baiona.
En España, dos 445 municipios turísticos nos que xa está presente a 5G de Telefónica, a compañía realizou accións especiais de reforzo para este verán nun total de 401 (320 no litoral e 81 en interior), mentres fortaleceu a cobertura nun total de 576 eventos que se celebran durante a época estival en toda a xeografía estatal, tanto mediante o fortalecemento da rede como do desprazamento dun total de 103 unidades móbiles temporais.