Telefónica supera en España o 90% de cobertura 5G
xoves, 2 de xaneiro do 2025
Telefónica pechou o ano 2024 facendo balance da súa cobertura 5G no territorio estatal, que, segundo figura no reconto, chega xa a máis do 90% da poboación. Trátase, en palabras da operadora, “dun fito destacado na evolución desta tecnoloxía móbil que lanzamos en setembro de 2020”. En termos de concellos, estariamos a falar dun total de 1.500 municipios con presenza desta tecnoloxía a través da frecuencia de altas prestacións de 3.500 MHz.
Estas cifras, engade a compañía, “converten a Telefónica en líder nesta banda grazas a un crecemento do 50% nos últimos seis meses, consolidando así o desenvolvemento dunha cobertura que permite ofrecer ultra banda larga móbil na práctica totalidade do territorio, tanto en zonas rurais como urbanas por toda a xeografía española”.
A compañía engade que as prestacións da banda de 3.500 MHz, ofrecida tanto aos clientes de Movistar como aos de O2 a través da 5G,” supoñen altas velocidades e moi baixa latencia, o que optimiza a experiencia do usuario móbil, ademais de incrementar a calidade de rede da que goza”. No ámbito das empresas, esta banda facilita dispoñer de novas funcionalidades xurdidas coa 5G como por exemplo o Network Slicing, para ofrecer así a mellor calidade de rede ante necesidades específicas de diferentes sectores.
Ademais, Telefónica continúa impulsando a banda 5G de 700 MHz, que chega xa a 3.585 municipios españois e “que permite mellorar o servizo en interiores e alcanzar unha cobertura de rede móbil en exteriores máis extensa”.
Desde o lanzamento da 5G de Telefónica en setembro de 2020, a operadora foi incrementando “firmemente” e “ano tras ano” a súa cobertura poboacional, pasando da 78% inicial en España a superar o 90% actualmente, nunha progresión que ademais vai compasada coa consolidación da capilaridade por todo o territorio da rede móbil desta compañía.
En paralelo a esta despregadura da rede móbil 5G en España, Telefónica tamén acelerou o desenvolvemento da súa rede de fibra FTTH, que, segundo fai saber a operadora, “está á cabeza de Europa e é un referente mundial”.