Telefónica suprime a permanencia en todos os seus contratos

venres, 18 de setembro do 2020 Sonia Pena

Telefónica anunciou este venres a supresión da permanencia para todos os seus contratos, unha medida que se estende dos contratos do catálogo de Fusión a todo o portfolio de tarifas Movistar (todas as tarifas non converxentes súmanse deste xeito á non permanencia que xa se aplicaba na liña Fusión). En concreto, son contratos vinculados ás liñas de voz fixa (6 meses), á banda larga con cobre e acceso fixo radio (12 meses) e a fibra (3 meses). “Convertémonos na única das grandes operadoras que elimina a permanencia para todos os seus produtos”, sinalan fontes da compañía.
Tal e como destacou Emilio Gayo, presidente de Telefónica España, “con esta iniciativa impulsamos o noso obxectivo de que os clientes elixan a Movistar pola calidade e a variedade dos seus servizos, dunha forma libre”.
A total eliminación da permanencia é o paso final dun percorrido que comezou no ano 2013 cando Movistar suprimiuna para as súas tarifas móbiles. Dous anos máis tarde, tamén a eliminou nalgúns produtos Movistar Fusión TV e o pasado ano ampliouse ás tarifas Fusión.
Doutra banda, Telefónica tamén anunciou a mellora da promoción de Contrato Infinito de 24,95 euros ao mes para todas as novas altas, portabilidades e migracións de prepago a contrato pasando de 6 a 12 meses. O Contrato Infinito ofrece voz, SMS e datos ilimitados polo que está indicado para os clientes que queren só móbil.

PUBLICIDADE