Telefónica traslada dende León ao Montiño (A Coruña) o nivel LH2 de acceso a Internet

venres, 9 de marzo do 2018 Fernando Sarasketa

Históricas instalacións de Telefónica no MontiñoAs infraestruturas da rede de Telefónica en Galicia veñen de dar o que a operadora cualifica de “chimpo histórico”. E por que motivo? Pois basicamente polas importantes melloras levadas a cabo na súa central do Montiño, na Coruña, onde se instalou o nivel HL2 da súa malla fotónica estatal, que é a que soporta o tráfico de datos e de acceso a Internet. Este avance, engade a compañía, “repercutirá de maneira directa na velocidade de acceso a Internet e na capacidade para enviar e recibir datos, fotos e vídeos dos clientes galegos de Movistar”. O nivel LH2 de acceso a Internet, para que non o saiba, estaba previamente en León.
Segundo engade a operadora, a instalación na nosa terra desta “infraestrutura clave” que só está presente en oito cidades do territorio estatal (amais de nas Illas Canarias) ten potencial para “romper cunha tradición de 90 anos, vixente desde a fundación de Telefónica, pola que este tipo de instalacións que daban servizo a Galicia situábanse en León”. Isto prepararía a nosa terra para dar un importante avance en calidade de servizo, un avance que dá (e dará) resposta ao “salto exponencial” da demanda actual e vindeira de datos.
Telefónica explica que a primeira consecuencia práctica do achegamento da infraestrutura profunda da Rede ao cliente galego é que “este verá reducida nun 1000% a latencia no acceso a Internet”, sendo a latencia o tempo que tarda en despregarse unha web no computador ou no móbil. “Isto”, engade a empresa, “prodúcese porque o sinal dos usuarios galegos de Telefónica cara aos servidores de Internet viaxará sempre dentro de Galicia, e a que os equipos instalados en Coruña son de última xeración”. Nun plano detallado, estes equipos teñen unha capacidade de até 20 terabytes por segundo, é dicir, o equivalente a 30.000 películas HD (High Definition) por segundo, e están preparados para aumentala de maneira progresiva até os 100 Tb. Telefónica, para facernos unha idea do desafío que encaran estas tecnoloxías, recorda que a día de hoxe, en Galicia, pódense acadar en horas punta demandas de até 6 Tb por segundo.
As infraestruturas novas do Montiño foron duplicadas, “para dar meirande robustez e seguridade ao sistema”, e dotáronse de sistemas especiais de climatización e de grupos electróxenos de apoio que garanten unha autonomía de 7 días.

PUBLICIDADE