Telegram chegará a Windows Phone en febreiro

mércores, 29 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Capturas da versión para iPhone de Telegram

Aínda que na actualidade a aplicación móbil de mensaxería instantánea dominante é WhatsApp, non deixan de xurdir alternativas, e unha das máis interesantes que están a emerxer é Telegram, que permite intercambiar mensaxes, fotografías e vídeos entre os nosos contactos telefónicos que teñan a correspondente aplicación instalada e incluso crear grupos de ata 200 persoas, pero destacando por estar baseado na nube (permitindo o acceso ás mensaxes dende distintos dispositivos, incluíndo ordenadores) onde poden almacenarse un número ilimitado de documentos, por encriptar as comunicacións (a seguridade é unha das grandes eivas de WhatsApp) e por ser completamente de balde sen anuncios nin cotas de subscrición para sempre.
Este proxecto está apoiado por Pavel e Nikolai Durov, os fundadores da plataforma social VKontakte, e está a medrar dun xeito bastante curioso, pois para a creación das súas aplicacións publicaron un protocolo de funcionamento, unha API e incluso código fonte, de xeito que fan moi doado o salto a novas plataformas, o que fan habitualmente a través de concursos para elixir o mellor cliente de Telegram posible, o que deu lugar a curiosidades como que en Android estea dispoñible unha aplicación oficial (a gañador do concurso) e unha segunda aplicación non oficial (a segunda clasificada) que son practicamente iguais en funcionalidades e permiten así que sexa o usuario o que elixa a que prefire empregar.
A aposta de Telegram polo código aberto comezou publicando o código fonte das aplicacións de Android e Linux de Telegram, pero agora tamén está dispoñible o código para iOS e continuarán abrindo o código de aplicacións paulatinamente, o que tamén é unha garantía para os usuarios, que ven aí un exercicio de transparencia destacable, o que debería incrementar a confianza nesta plataforma de comunicación.
Actualmente, aparte das mencionadas aplicacións para Android e Linux, podemos descargar tamén Telegram para iPhone, acceder a un cliente vía web, gozar dun cliente non oficial de Telegram para Windows (en fase alfa), facer uso dunha aplicación non oficial para OS X e agora confírmase que durante o mes de febreiro verá a luz a aplicación oficial para Windows Phone, iniciando a súa beta o vindeiro sábado.

PUBLICIDADE