Telegram colaborará na loita contra a pornografía infantil

xoves, 5 de decembro do 2024 Marcus Fernández

Dende a detención de Pavel Durov en Francia non paran os anuncios de cambios en Telegram para unha maior moderación da súa plataforma, como o feito de que colaborarán coas autoridades achegando os enderezos IP e números de teléfono en caso de delito, e agora anuncian dende a Internet Watch Foundation (IWF) que Telegram vén de unirse a eles na detección, eliminación e bloqueo das imaxes de pornografía infantil.
Temos así que Telegram xa non adoptará unha postura pasiva, senón que tomará medidas de control para loitar contra as imaxes de abusos sexuais a menores na súa plataforma, como xa fan boa parte das grandes plataformas de comunicación en liña.
Dende IWF están moi satisfeitos coa colaboración de Telegram, xa que levan tempo detectando casos de pornografía infantil (que nalgunha ocasión incluía abusos a menores de 2 anos de idade) e, aínda que salientan que Telegram borraba os contidos tras a súa denuncia, agora non será preciso que sexan terceiros os que denuncien masivamente este tipo de contidos, xa que Telegram terá acceso a un grande catálogo de hashes que facilitan a identificación de imaxes e vídeos denunciados previamente, para así poder identificar instantaneamente os contidos ilegais que se comparten na plataforma.
Telegram tamén implementará medidas para loitar contra a pornografía infantil de xeitos que vaian máis aló das fotografías, como as ligazóns que poidan levar a contido ilegal.