Telegram integrará Grok no verán
mércores, 28 de maio do 2025
Pavel Durov anunciou hoxe o peche dun acordo de colaboración con xAI para a integración do asistente de intelixencia artificial Grok nas aplicacións de Telegram a partir do vindeiro verán, o que suporá unha achega de 300 millóns de dólares para Telegram, así como unha comisión do 50% das subscricións que se vendan para Grok a través da aplicación.
Grok pasará a estar en Telegram como unha conversa fixada para todos os usuarios, será accesible a través do buscador da aplicación, integrarase nas conversas, poderá empregarse na edición de texto, servirá para resumir conversas e documentos, achegará información sobre ligazóns, poderá empregarse para moderar grupos de chat, poderá crear axentes para a nosa bandexa de entrada, incorporará unha función nas canles para verificar información e tamén poderá empregarse para a creación de adhesivos e imaxes de perfil.
Falamos dunha integración moito máis profunda que a que podemos ver de Meta AI en WhatsApp, coa promesa de que xAI só terá acceso aos datos dos usuarios relativos ás interaccións directas.
ACTUALIZACIÓN: Sorprendentemente o propio Elon Musk afirma que o acordo con Telegram aínda non está asinado, ao que Durov responde que o acordo está pechado, pero quedan formalidades pendentes.