Telespazio colaborará coa UVigo no desenvolvemento de proxectos aerospaciais

luns, 23 de xaneiro do 2023 S. P.

A Universidade de Vigo asinou este luns 23 de xaneiro cun convenio de colaboración con Telespazio, formalizado ao abeiro das iniciativas do Polo Aeroespacial de Galicia (Axencia Galega de Innovación, Consellería de Innovación), no que colaboran 10 empresas e centros de coñecemento da área de Vigo. Telespazio é unha compañía internacional referente en solucións e servizos satelitais.
Na cita participaron Patricia Argerey, directora de GAIN, e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, quen salientou as importantes simbioses que xera o Polo Aeroespacial entre as empresas tractoras da industria aeronáutica e toda a cadea de valor do sector en Galicia, un exemplo do cal é o acordo entre a UVigo e Telespazio.
Conde asistiu en Vigo á presentación desta colaboración, mediante a cal a multinacional, que xunto con Airbus e Babcock é socio tecnolóxico da Xunta na Civil UAVs Initiative, colaborará coa Universidade de Vigo no desenvolvemento de proxectos de investigación, dará apoio a investigadores e estudantes, e participará na posta en marcha dun mestrado dual en Información Xeoespacial, que vai ser un título propio da Universidade de Vigo.
Conde agradeceu a aposta de Telespazio polo ecosistema galego de I+D+i, e en concreto pola Universidade de Vigo, que lidera en Galicia a investigación no eido da industria aeroespacial, subliñando que este acordo “pon unha semente para o futuro desenvolvemento do sector en Galicia e a súa consolidación”.
Tamén lembrou que no Polo Aeroespacial de Galicia colaboran 10 empresas e centros de coñecemento da área de Vigo e que o Polo supón neste momento unha mobilización de case 330 millóns de euros, “que poderían alcanzar os 540 millóns de euros coas achegas que chegarían dos fondos europeos e o PERTE do sector”. É unha cifra á que hai que sumar os 164 millóns de euros mobilizados desde 2015, salientou.
Tamén reflectiu que segundo os datos do Consorcio Aeronáutico Galego, o sector conta con máis de 1.500 empregos vinculados entre directos e indirectos.

PUBLICIDADE