Televés expón as súas solucións de eSaúde en Andina Link 2017

xoves, 2 de marzo do 2017 Redacción

Televés, empresa compostelá especializada na fabricación de tecnoloxías avanzadas de telecomunicacións e televisión, vén de comunicar que estará entre os días 7 e 9 de marzo nun dos eventos referenciais de América do Sur en materia de TV, tecnoloxías converxentes, os contidos e as oportunidades de negocio que xorden arredor deles. Falamos da feira Andina Link 2017, que se celebra na cidade colombiana de Cartaxena de Indias.
Nunha exposición internacional na que se darán cita operadores de telecomunicacións, fabricantes, provedores de servizos e distribuidores de contidos, a compañía presentará solucións para o sector da eSaúde (tecnoloxías dixitais para o ámbito médico e dos coidados), con propostas integrais de distribución de servizos audiovisuais para hoteis e hospitais que inclúen servizos de televisión da nova xeración a través de IPTV, infraestruturas integrais de comunicación para redes GPON de alta capacidade e o último en solucións de sinatura dixital.
A compañía presentará tamén as súas novidades en hibridación no dixitalizado de redes, con especial fincapé no recifrado de servizos. “Estas solucións”, sinala Televés, “responden as necesidades de dixitalización de redes dos operadores de cable”. Televés estará presente na caseta 43, nun espazo privilexiado por ser lindeiro á zona de alto tránsito.

PUBLICIDADE