Televés impulsa unha antena de TV intelixente que é quen de eliminar interferencias

venres, 21 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

Televés, histórico referente galego en desenvolvemento de equipamentos de telecomunicación, presentou esta semana os detalles de Ellipse, unha nova antena de televisión xorde directamente do seu compromiso coa mellora de servizos e experiencias dos usuarios e que salienta, en primeiro lugar, pola súa capacidade para suprimir calquera tipo de interferencia ou problema de conexión.
Trátase dunha antena intelixente que incorpora unha nova estrutura mecánica integramente inoxidábel e un innovador deseño concibido (alén dos logros estéticos, que son visíbeis) para optimizar a recollida e concentración do sinal e achegar unha feitura unificada e compacta das diferentes estruturas.
A nivel de funcionamento, é quen de marcar as distancias con respecto ás antenas tradicionais porque ten capacidade para captar o sinal sen importar a calidade do sinal UHF (Televisión Dixital Terrestre ou a distancia co repetidor). A eliminación de interferencias conséguese coa nova xeración da tecnoloxía TForce con filtro SAW presente en Ellipse, que logra maior calidade na entrada e saída de sinal, eliminado interferencias, como as provenientes da telefonía 4G/LTE. Segundo informa a compañía compostelá, todas estas melloras de servizo son posíbeis grazas a que a antena conta cun rendemento mellorado do sistema BOSSTech e a tecnoloxía TForce, “o que permite dotar ao aparello de intelixencia e capacidade de autoaxuste”. Así, o dispositivo logra regularse de forma automática, en función do nivel do sinal recibido, de maneira que o nivel de saída emitido sempre sexa o óptimo.

PUBLICIDADE