Televés investirá 23 millóns de euros na súa estratexia 4.0

martes, 3 de outubro do 2017 Redacción

A corporación compostelá Televés, centrada no desenvolvemento e fabricación de tecnoloxías de telecomunicacións para o fogar e o edificio dixital, vén de anunciar un importante investimento para impulsar a integración das firmas do grupo no que se coñece como Industria 4.0 (metodoloxías e recursos que tiran proveito da información a gran escala e dos sistemas intelixentes para crear xeitos de desenvolver e fabricar máis eficientes, eficaces, rendíbeis, económicos, produtivos e sustentábeis).
A contía total será de 23 millóns e abranguerá os catro vindeiros anos. O proxecto Corp4Future conta co apoio da Xunta de Galicia, que incluíu a iniciativa no programa de incentivos para investimentos no ámbito da industria intelixente, tras unha convocatoria pública en concorrencia competitiva e co apoio da Axencia Galega de Innovación.
Segundo informa a corporación, o proxecto implica “un gran compromiso para as empresas que integran a Corporación Televés”, amais de significativas novidades en materia profesional. En termos concretos, suporá o desenvolvemento duns 120 novos perfís laborais, “con importantes oportunidades de formación e impulso profesional”.
Nun plano máis detallado, Corp4Future impulsará a competitividade dos procesos produtivos e a eficiencia loxística a través de novas tecnoloxías e métodos de fabricación. Entre estas novas tecnoloxías e métodos atópanse os seguintes: a realidade aumentada (facilitando que os traballadores interactúen cos robots a través de interfaces físicos), a robótica colaborativa (permitindo que as máquinas e os operarios traballen de maneira simultánea nunha mesma tarefa, buscando a máxima eficiencia) e a Internet das Cousas (IoT). “Todo isto”, explican fontes da firma galega, “fortalecerá a capacidade da corporación para manter o liderado nos seus mercados tradicionais e mellorar a súa posición en ámbitos novos, como servizos sociosanitarios, eficiencia enerxética, Cidades Intelixentes ou aeronáutica”.

PUBLICIDADE