Televés participa nas primeiras emisións 8K de Ultra Alta Definición por TDT en DVB-T2

martes, 20 de outubro do 2020 S. P.

RTVE e a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade Politécnica de Madrid (ETSIT-UPM) van presentar este mércores 21 de outubro, no marco da Cátedra RTVE na UPM, a primeira emisión a nivel mundial de sinal UHD 8K en DVB-T2. Como noutras ocasións, este piloto será posíbel grazas á colaboración de todos os membros que conforman o Comité Asesor da Cátedra en aspectos tecnolóxicos entre os que se atopan as empresas de Televés Corporación, Gsertel, TRedess e Televés.
A presentación, dada a crise sanitaria, terá feitura de evento semipresencial, onde os asistentes poderán seguir o acto de forma remota, grazas ao sinal de streaming que proporcionará o Instituto Oficial de RTVE.
O sinal será radiado desde a cabeceira de TV da ETSIT-UPM, situada na Cidade Universitaria de Madrid e emitido por Cellnex Telecom desde os centros emisores de Torrespaña e San Fernando de Henares en Madrid, pola canle 36; Collserola e Baix Llobregat en Barcelona, pola canle 43; Valencina, en Sevilla, pola canle 36; Mijas, en Málaga, pola canle 26; Monte Pedroso, en Santiago de Compostela, pola canle 33; e La Muela, en Zaragoza, pola canle 23.
Para a canle 33 de Santiago de Compostela, a filial local TRedess participa cos equipos transmisores e Gsertel con equipos Hexylon e RCS-100 cos que monitoriza e analiza en tempo real todos os parámetros relevantes da canle dixital, tanto en radiofrecuencia como en contido.
Televés engade que esta canle asignada temporalmente á Cátedra RTVE na UPM pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais (SETID) utilízase para este tipo de emisións de proba. Tamén en emisións en probas o resto de centros antes mencionados. A área de cobertura deste piloto, por tanto, esténdese por unha zona ampla do territorio nacional.
O piloto enmárcase nas actividades da Cátedra RTVE na Universidade Politécnica de Madrid, constituída en xaneiro de 2015, e que participou no desenvolvemento dun conxunto amplo de experiencias no eido da produción e emisión de sinal de UHD durante estes últimos anos.

PUBLICIDADE