Televés presenta un revolucionario e avanzado medidor de campo para instaladores de telecomunicacións

mércores, 17 de xullo do 2019 Fernando Sarasketa

Televés presentou este mes de xullo un novo e revolucionario dispositivo para facilitar o traballo dos instaladores profesionais. Trátase de MOSAIQ6, un medidor de campo de alto rendemento que conta, en palabras da empresa de telecomunicacións de Santiago, “coas mellores funcionalidades para a análise e o calibrado dos sinais de televisión, en todos os seus formatos e modulacións”.
A nova tecnoloxía ten dúas vertentes fundamentais. Por unha banda, trátase dun dispositivo analizador de espectro de sinal que dispón de “altas prestacións e funcionalidades avanzadas”, achegando precisión e exclusividade na análise de sinais de televisión, sexan moduladas na banda TDT, por satélite ou por cable. Doutra banda, e grazas ao estreito traballo conxunto de Televés (o seu equipo de desenvolvemento) cos instaladores profesionais, MOSAIQ6 salienta pola súa sinxeleza e facilidade de uso: achega unha interface táctil, comandos xestuais, unha ergonomía que facilita a súa manexo e a realización das diversas tarefas de medición durante unha instalación.
Amais, o aparello é quen de analizar, medir e diagnosticar sinais de canle de retorno, radio, DAB e DAB+, televisión, fibra óptica, WiFi ou IPTV, así como análise de ecos, o que “permite ter un diagnóstico completo que garante unha instalación exitosa en calquera escenario”, explica Televés.

PUBLICIDADE