Telltale Games bota o peche tras meses de baixas vendas

venres, 21 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O estudio de videoxogos Telltale Games, especializado en aventuras gráficas, e que nos últimos anos conseguiu grande sona grazas ao seu magnífico traballo coa franquía de Los Muertos Vivientes (The Walking Dead), converteuse en todo un referente global, captando franquías de grande nome como Batman, Minecraft, Game of Thrones, Guardianes de la Galaxia... pero agora a serie de xogos de The Walking Dead está a rematar (a súa derradeira tempada botou a andar en agosto) a compañía ten que encararse coa realidade, e recoñecer que nos últimos meses non souberon adaptarse á realidade do mercado, e o seu incremento de tamaño supuxo unha lousa para o seu negocio, polo que anuncian o seu peche.
Nas últimas horas despediron á meirande parte do persoal, deixando só a 25 empregados para poder atender as obrigas da compañía durante as vindeiras semanas. O máximo responsable da compañía, Pete Hawley, recoñece que pasaron un ano moi complicado e laiase de que pese a ter publicado grandes xogos que recibiron boas críticas, iso non se traduciu en boas vendas. Deste xeito, di adeus unha compañía que conseguiu crear toda unha mecánica de narración propia, que tiña unha boa aceptación por parte dos afeccionados ás aventuras gráficas, pero que posiblemente fracasou pola súa sobreexplotación, o que lembra o acontecido hai uns anos cos xogos musicais (que gozaban de éxito, pero o exceso de lanzamentos fragmentou tanto as vendas que provocou perdas para todos os editores de xogos dese xénero).
Queda agora por ver o que pasará cos desenvolvementos en curso, como The Walking Dead: The Final Season (que polo momento só lanzou 1 dos seus 4 episodios) ou a segunda tempada de The Wolf Among Us (prevista para 2019), sendo o máis desexable que algunha compañía asumise o catálogo de Telltale e a parte dos traballadores despedidos para montar un estudio modesto que puidese manter viva a súa chama.

PUBLICIDADE