Temos até o 31 para achegar solicitudes ao fondo Xacobeo 2021 de proxectos culturais, virtuais e presenciais

luns, 13 de xullo do 2020 S. P.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo ten aberto, este mes de xullo, o prazo para a presentación de solicitudes ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. Poderán achegarse propostas de creacións culturais, bens ou servizos de consideración análoga, coa finalidade de configurar “un fondo de contidos creativos de interese cultural e artístico, lingüístico e turístico”: o devandito Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto até o 31 de xullo deste ano. O ámbito virtual (con contribucións audiovisuais, musicais, de películas, documentais ou fotografías) será un dos grandes piares do repositorio.
A iniciativa insírese no plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19. Os obxectivos do repositorio de contidos son os seguintes: dinamizar a lingua propia de Galicia; inxectar fondos e apoiar artistas, creadores e empresas do eido cultural no contexto da crise sanitaria para que “ninguén fique fóra”; e abrir unha vía para a continuidade, viabilidade e visibilidade da oferta e do consumo de propostas lingüísticas e culturais.
Poden presentar as súas propostas autónomos, empresas privadas e entidades culturais sen ánimo de lucro.
Recibirán un apoio de ata 4.000 € no caso dos autónomos e de ata 10.000 € no caso das empresas e entidades culturais. Estas cantidades poderán financiar ata o 100 % do proxecto.
Os produtos que integrarán este repositorio de contidos poden pertencer aos seguintes ámbitos: o ámbito virtual (vídeos, música, películas, documentais, fotografías...), presencial (actuacións teatrais, musicais, exposicións...) e “outros servizos” (abranguendo materiais e produción”).
O prazo de presentación de solicitudes remata o 31 de xullo de 2020. Logo da resolución, o prazo para achegar proxectos rematará o 31 de decembro de 2020.
Para máis información sobre a iniciativa podemos facer consultas na seguinte conta de correo: info-fondox21@xunta.gal.

PUBLICIDADE