«Temos que concienciar á xuventude de que a informática é unha profesión necesaria e atractiva» – Carlos Vila (CPETIG)

venres, 22 de febreiro do 2019 Marcus Fernández, Redacción

Para o número 187 da nosa edición impresa tivemos a oportunidade de falar con Carlos Vila, enxeñeiro técnico informático con posgrao en Xestión e Auditoría da Seguridade, amais de membro do Corpo Oficial de Peritos do CPETIG (Colexio Profesional de Enxeñería Técnica da Informática de Galicia). En 2015 funda unha consultoría tecnolóxica na que actualmente realiza función de consultor en Protección de Datos e Seguridade da Información.

-O CPETIG leva máis dunha década traballando pola profesión que representa, por facer comunidade. Pero, en que consiste o traballo do colexio?
-O colexio ten diferentes vías de actuación, entre as que se atopa representar a profesión de Enxeñaría Técnica Informática tanto a nivel autónomo como estatal e defender os dereitos de todos os seus colexiados e colexiadas, así como os das persoas que representan a profesión.

-Dun tempo a esta parte o Colexio semella estar máis envorcado a fomentar as vocacións TIC, en espertar o talento da xente nova. Por que cre que é importante mostrar a relevancia das profesión tecnolóxico-dixitais?
-É importante porque hai un baleiro importante de profesionais no ámbito tecnolóxico en xeral e na informática en particular. Cómpre concienciar ás rapazas e rapaces, dende idades moi temperás, de que se trata dunha profesión necesaria e atractiva e que ten grandes saídas profesionais, e que poden chegar moi lonxe profesionalmente con ela.

-Galicia demanda máis especialistas e non somos quen de motivar aos nosos mozos e mozas. Por que?
-Non só Galicia demanda profesionais no ámbito tecnolóxico, hai unha carencia a nivel nacional e internacional. É certo que en Galicia e desde os colexios profesionais estamos a apostar moi forte por concienciar á xente para que se incorpore a estes estudos e a esta profesión. Tal e como se presenta o panorama actual, a tecnoloxía invade todos os aspectos da nosa vida e é por iso que precisamos máis profesionais formados, titulados e colexiados que, por exemplo, defendan os nosos dereitos na Rede ou en calquera ámbito do mundo tecnolóxico.

-Por outra banda está a problemática do xénero. A maioría dos que elixen carreiras tecnolóxicas son homes. O Colexio é consciente disto por iso leva a cabo actividades dirixidas a esta cuestión. Teñen previstas este ano propostas para incrementar a presenza feminina?
-Nós facemos un labor de continuidade neste aspecto, de promoción e información que as mulleres se incorporen e se animen tanto a realizar estudos de informática como ás profesionais. Galicia é pioneira en ter profesionais mulleres que desenvolven postos de alta responsabilidade. Coido que temos que seguir nesa liña porque son moi importantes e temos que apostar por iso.

-Cambiando de tema, o pasado mes de setembro organizaron o Congreso #SilverBullet. Como viviron esta xuntanza e que resultados se obtiveron?
-As sensacións foron boas e tivemos bos resultados nesta segunda edición do congreso. Por primeira vez contamos con relatores internacionais e penso que tivo moi boa acollida. Cremos que se trata dun evento útil e moi relevante, xa que cuestións como a xestión de proxectos, a xestión de persoas e as metodoloxías áxiles están moi de actualidade.

-Outro dos eventos foi o Iuristic.gal. Cóntenos en que consistiu.
-É unha xornada sobre informática xudicial na que pretendemos xuntar a profesionais de dous mundos que hai dúas décadas estaban afastados, que son o mundo do dereito e o mundo tecnolóxico. Traemos profesionais de ambos os ámbitos moi relevantes e tratamos temas moi de actualidade, como os ciberdelitos, a tecnoloxía blockchain, a seguridade da Rede ou protección de datos. Temas que nos que cremos que debemos informar e formar á xente.

-A súa especialidade é a peritaxe informática. En que consiste?
-A protección de datos e a seguridade da información é unha cuestión na que temos a gran oportunidade de empezar a facer as cousas ben. Hai un novo regulamento que entrou en vigor no ano 2016 pero de aplicación en maio de 2018 e, ademais, unha nova lei orgánica de protección de datos persoais e garantía de dereitos dixitais que se incorporou no mes de decembro. É unha boa oportunidade para que os profesionais, empresas e administracións empecen a tomar conciencia da importancia de protexer a información.

PUBLICIDADE