Tencent fai unha oferta de compra por Sumo Digital

luns, 19 de xullo do 2021 Marcus Fernández

A desenvolvedora de videoxogos británica Sumo Digital, responsalbe de títulos como OutRun 2, Sonic & SEGA All Stars Racing, LittleBigPlanet 3, Forza Horizon 2 ou Crackdown 3, vén de recibir unha oferta de compra por parte do xigante chinés Tencent, que estaría disposta a pagar 1.270 millóns de dólares por Sumo, converténdose na segunda grande compra do sector no Reino Unido tras a compra de Codemasters por Electronic Arts por 1.200 millóns de dólares.
Actualmente Tencent é a segunda compañía de videoxogos a nivel mundial, só por detrás de Sony, con participación en compañías como Epic Games (creadores de Fortnite), Supercell (responsables de éxitos como Clash of Clans e Clash Royale) ou Riot Games (creadores de League of Legends e Valorant), e probablemente está a espallarse internacionalmente ante as dificultades que os reguladores chineses poñen á concentración de negocios do sector dos videoxogos (veñen de bloquear a fusión dos servizos de streaming orientado aos videoxogos Huya e DouYu).

PUBLICIDADE