«Tentamos dar ao alumno un coñecemento de base non perecedoiro» – Alberto Basalo, formador asociado a Vitae

martes, 21 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

O que é aplicábel en arquitectura e construción, en materia de boas prácticas, tamén é aplicábel en proxectos de aplicacións informáticas. Ou sexa, que cómpre poñer todo da nosa parte por impulsar proxectos limpos, sinxelos, ben artellados e doados de comprender e manter. Vitae Consultores centra parte dos seus esforzos en capacitar en excelencia desenvolvedora aos nosos profesionais, e, dentro da consultora, o formador Alberto Basalo é un referente neste tipo de adestramento. Basalo, enxeñeiro técnico en Informática con dúas décadas de experiencia como analista programador, é socio director de AgoraBinaria e consultor asociado a Vitae. En Código Cero puidemos falar con el da súa experiencia e dos seus retos.

-As actividades formativas que vostede imparte en Vitae Consultores, en que consisten e a quen van dirixidas exactamente?
-Ensino tecnoloxías relacionadas coa programación. Especialmente baseadas na linguaxe JavaScript e máis concretamente no framework Angular de Google para o desenvolvemento de aplicacións web. Tamén imparto técnicas de código limpo e arquitectura de software que buscan crear programas doados de manter. Todas as actividades van dirixidas a profesionais da programación que queren mellorar ou estar ó día das linguaxes e das novidades do sector.

-En que se benefician os profesionais que acoden aos obradoiros? Dito doutro xeito: que están en capacidade de facer estes profesionais nas súas respectivas empresas, unha vez rematado o curso, que antes de participar no curso non estaban en disposición de facer?
-Nos cursos de tecnoloxía preténdese que coñezan unha nova ferramenta. Os obxectivos están claros e unha vez acadados, normalmente, póñenos en práctica en canto volven ao posto de traballo. Pero nos obradoiros de código limpo e arquitectura imos máis alá. Tratamos de transmitirlles uns valores profesionais para que medren na empresa e se sintan satisfeitos co seu traballo.

-Vitae Consultores apoia boa parte da súa actividade en achegar contidos, recursos e metodoloxías avanzadas para os nosos profesionais, xeralmente das TIC e da innovación, pero tamén doutros sectores e ámbitos de acción. Estes contidos e recursos inciden nas vantaxes da auto-actualización do coñecemento e das capacitacións de cada quen, de continuo e con regularidade. Cre vostede na importancia de formarnos e actualizarnos regularmente? No ámbito das novas tecnoloxías con máis razón?
-Por suposto que o creo; a formación é clave para mellorar a produtividade e para enfrontar a competencia. Os traballadores do coñecemento estamos gustosamente obrigados a formarnos permanentemente. No caso das novas tecnoloxías chama a atención a frecuencia coa que estas cambian. Moitas veces a xente ten dúbidas a hora de escoller a tecnoloxía por medo a que o esforzo non mereza a pena. En Vitae escollemos ferramentas novidosas, pero asentadas e de futuro. Explicámolas sempre nun contexto mais amplo. Así dámoslle ao alumno un coñecemento de base non perecedoiro.

-Cal é a clave do éxito para un formador ou formadora de contidos avanzados e tecnolóxicos?
-É fundamental que te vexan coma un de eles. Non usar linguaxe demasiado académica e falarlles de cousas útiles no día a día. Que saiban que o que lles estás a contar xa o viviches, e que falas por experiencia. No meu caso, sempre meto algo de humor porque a risa axuda a relaxarse e favorece a memorización.

-As técnicas e tecnoloxías que ensina, baséanse na súa experiencia práctica?
-Creo que un debe falar do que aprendeu pola vía da práctica. Nos meus máis de 20 anos de experiencia teño traballado en moitas organizacións; dende grandes multinacionais a pequenas start-ups. Isto, dáme certa perspectiva para distinguir o importante do accesorio, e permíteme darlles consellos prácticos que ás veces converten a clase nunha sesión de consulting enriquecedora para todos.

PUBLICIDADE