Teo, Boqueixón e Vedra forman a 16 persoas no desenvolvemento de aplicacións móbiles

xoves, 12 de agosto do 2021 S. P.

Este luns comezou o obradoiro de emprego de garantía xuvenil Emprégateapp, impulsado polos concellos de Boqueixón, Vedra e Teo (a través dos seus respectivos departamentos de Desenvolvemento Local). Nesta actividade achegarase formación avanzada a un total de 16 alumnos-traballadores.
O obxectivo deste obradoiro é adestrar aos participantes no desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, orientadas tanto á promoción turística das zonas de actuación como á información e comunicación dirixida ás persoas usuarias.
Este programa de emprego está dirixido a persoas mozas, maiores de 16 anos e menores de 30, incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
O alumnado obterá (se superan a formación e a práctica) o certificado de profesionalidade IFCD0112 (Programación con linguaxes orientados a obxectos e bases de datos relacionais). Coa obtención do certificado de profesionalidade o alumnado traballador que supere a impartición de contidos poderá traballar como técnico en data mining (minería de datos) e como programador de aplicacións de xestión.
A duración do obradoiro é de 12 meses (1920 horas) e realizarase en horario de mañá na aula de formación da Casa Común de Oza. O importe total do proxecto é de 419.492 euros dos que 50.000 euros fináncianse con fondos propios e o resto mediante unha subvención da Xunta de Galicia. Este forte investimento, co-financiado polo Fondo Social Europeo, asume os custos de formación e os salarios dos contratos de traballo de profesorado e alumnado.

PUBLICIDADE