Terbutalina acompañan dun videoxogo o arrinque da súa nova xira en Santiago
martes, 8 de marzo do 2022
A
banda punk-rock de Esteiro (Muros) Terbutalina vén este marzo con
importantes novidades. Por unha banda, arrincan unha xira por Galicia
e España que ten a súa primeira parada na Sala Capitol de Santiago,
o 19 de marzo, que contará coa presenza doutra banda do mesmo
concello muradán a xeito de grupo convidado: The Rapants. Trátase
da xira Costa abaixo (Nada que nos free tour), coa que
os integrantes de Terbutalina amósanse dispostos “a reconquistar
os pogos perdidos, as horas intempestivas e os quilómetros na
estrada”.
Costa
abaixo é tamén o nome do primeiro dunha serie de singles
que irán presentando ao longo deste 2022 e que promete ser o
pistoletazo de saída á volta definitiva ao seu hábitat natural: os
escenarios. Así o amosaron o pasado sábado nunha sesión vermú na
Sala Karma onde esgotaron as localidades para a festa reencontro co
seu público.
Outra
das novidades da banda para este mes de marzo tamén ten relación co
dito tema, Costa abaixo. Segundo indican, este tema é “a
primeira canción da historia que conta co seu propio videoxogo”.
Desenvolvido por Qaramelo Videoxogos, a aventura gráfica Gran
Prix Turbotalina é un endless-runner ambientado no Gran
Premio das Carrilanas do Esteiro natal dos integrantes de
Terbutalina. Os protagonistas son os propios membros da banda que
terán que sortear un gran número de obstáculos do universo
terbutalínico para alzarse coa vitoria ao ritmo da súa
propia banda sonora. O
videoxogo xa está dispoñíbel en liña na web de Qaramelo.
Volvendo á xira,
sinalar á cita na Sala Capitol en Santiago de Compostela o 19 de
marzo, séguenlle La Salvaje en Oviedo o 25 de marzo, a Sala Niágara
en Santander o 26 de marzo, a Fun House de Madrid o 29 de abril ou a
Lata de Bombillas en Zaragoza ao día seguinte.