Teremos novo Flight Simulator en agosto

luns, 13 de xullo do 2020 Marcus Fernández

O grande clásico dos simuladores aéreos para PC está de volta, e por fin anuncian que o Microsoft Flight Simulator está a piques de ver a luz na súa versión de proba, dispoñible para os subscritores de Xbox Game Pass para PC a partir do 18 de agosto, sendo tamén posible a súa compra anticipada por 69,99 euros (89,99 euros para a edición Deluxe e 119,99 euros para a edición Premium Deluxe Edition).
O xogo básico inclúe 20 avións e 30 aeroportos deseñados con grande nivel de detalle, e será esta a copia incluída dende o primeiro día en Xbox Game Pass; mentres que os usuarios máis fieis a esta saga poden facerse coa versión Deluxe para recibir 5 avións e 5 aeroportos internacionais adicionais ou coa edición Premium Deluxe con 10 avións e 10 aeroportos internacionais adicionais.
O Microsoft Flight Simulator convídanos a viaxar por un mundo ateigado de cidades, con grande riqueza de elementos artificiais e naturais; permítenos perfeccionar as nosas habilidades como piloto; pode ser todo un reto para os usuarios por mor das condicións meteorolóxicas que porán á proba as habilidades do usuarios; e tamén presume de gráficos en ultra alta definición con HDR, o que claramente é un grande salto evolutivo fronte ás edicións anteriores do xogo.

Novo tráiler de Microsoft Flight Simulator

PUBLICIDADE