Teremos remasterización de The Last of Us Parte II para PlayStation 5

venres, 17 de novembro do 2023 Marcus Fernández

En 2020 o xogo The Last of Us Parte II converteuse no meirande lanzamento exclusivo para PlayStation 4, pese a lanzarse en plena pandemia, e parecía que tiñamos esquecido que este título non aproveitaba a potencia da PlayStation 5, como si fixo a remasterización da primeira entrega que saíu á venda o ano pasado (e que facía que un xogo nacido en PS3 puidese lucir marabillosamente en PS5).
Agora que a PlayStation 5 xa pode mercarse con normalidade, e incluso está a piques de chegar ás tendas unha versión máis compacta, parece un bo momento para que vexa a luz a versión remasterizada de The Last of Us Parte II e, de feito, xa ten data de lanzamento: o 19 de xaneiro de 2024.
A remasterización poderá mercarse de xeito independente, pero tamén estará dispoñible unha actualización de pagamento dende a versión para PlayStation 4. Contará con gráficos nativos en 4K no modo fidelidade, mentres que no modo rendemento funcionará a 1.440p escalado a 4K. Terá a taxa de fotogramas desbloqueada, soportará VRR, contará con texturas de maior resolución, mellora as distancias de visionado, contará con sombras de máis calidade, as súas animacións serán máis fluídas e, en definitiva, será un título mellor a nivel gráfico, que tamén gozará de características da PS5 como menores tempos de carga e o aproveitamento das funcionalidades hápticas dos mandos DualSense.
En España tamén teremos unha edición especial do xogo que incluirá caixa metálica e unha chea de contidos adicionais, facendo deste lanzamento algo máis atractivo.
As reservas para facerse co xogo abriranse o vindeiro 5 de decembro.

A versión para PS5 do xogo mellora substancialmente a súa calidade gráfica

PUBLICIDADE