Tesla presenta as súas baterías para o fogar

luns, 4 de maio do 2015 Marcus Fernández

Aínda que a compañía Tesla Motors era coñecida polos seus revolucionarios coches eléctricos, nos últimos temos centraron os seus esforzos de I+D en conseguir mellores baterías para solucionar os problemas de autonomía que son o principal atranco para a adopción desta alternativa aos motores de combustión interna, o que levounos a diversificar, de xeito que o fundador da compañía, Elon Musk, presentou Tesla Energy, unha iniciativa orientada a satisfacer as necesidades enerxéticas de fogares, empresas e instalacións públicas.
O primeiro produto desta nova iniciativa é o Powerwall, un dispositivo de elegante deseño, que comercializarase en distintas cores, e que busca ser unha batería para o fogar, que podería verse como un complemento para os sistemas de enerxías renovables (como os paneis solares) de xeito que en momentos nos que non fosen dabondo para cubrir as demandas enerxéticas do fogar, tirarían da batería para manter o subministro.
Estamos así ante unha revolución que comezará dun xeito moi tímido, xa que este produto que comezará a subministrarse no verán limitaría o seu mercado inicial a fogares que xa tiren proveito de enerxías alternativas e o seu prezo aínda é demasiado elevado como para que resulte rendible, xa que o modelo de 10 kWh custaría 3.500 dólares (tamén hai unha versión de 7 kWh a 3.000 dólares).
Pero este dispositivo que pode instalarse na parede do fogar non só serviría para evitar as caídas do fluxo eléctrico, senón que tamén podería supor un importante aforro na factura eléctrica, non só por tirar máis proveito da auto-xeración, senón tamén por permitir a súa recarga durante as horas nas que a enerxía é máis barata, para tirar proveito da mesma nos horarios máis caros, o que posiblemente vexan con rexeitamento as empresas eléctricas, que poderían ver perigar así o seu actual sistema tarifario.
Tesla non vai deixar este proxecto no ámbito doméstico, e tamén pretende levalo a empresas, de xeito que tamén prepara o Tesla Powerpack, un sistema de 100 kWh (escalable) que venderase baixo peido en función das necesidades das compañías interesadas nesta tecnoloxía.
O curioso da comercialización destas revolucionarias baterías é que Tesla non se encargará da súa comercialización, senón que o fará a través de distribuidores autorizados, e aínda que esteamos ante produtos nas súas primeiras versións, dende unha das compañías distribuidoras, SolarCity, que comezará a instalar o sistema en outubro, asegura que esta solución pode xa competir en prezo cos xeradores de gasóleo.


A presentación de Elon Musk en vídeo

PUBLICIDADE