Tethercell, a pila controlable dende o smartphone

martes, 15 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Os proxectos de crowdfunding non cesan de achegarnos ideas orixinais que tardan pouco en achegar financiamento para converterse en realidade nuns meses, como podería ser o caso de Tethercell, unha pila AA que incluiría no seu interior unha pila AAA, un microcontrolador, un sensor de temperatura, un comparador de voltaxe e Bluetooth, o que permitiría que dende un smartphone con Bluetooth 4.0 (como o iPhone 4S/5, o Samsung GALAXY S III ou o Samsung GALAXY Note II) puidésemos controlar a unha distancia de ata 30 metros se queremos que a pila estea ou non operativa, o que pode ser de utilidade para apagar e acender certos dispositivos a distancia ou, simplemente, para controlar o tempo no que queremos que os cativos poidan empregar certos trebellos electrónicos.
Aparte de acender e apagar a pila de xeito remoto, a Tethercell pode remitir alertas cando a carga estea baixa, programar o dispositivo para aforrar enerxía e programar o seu horario de funcionamento, funcións que tanto poden ir na liña de servizos relativos á domótica como para simplemente gastar algunha broma a un amigo.

PUBLICIDADE