Thais Pousada participa na creación dunha base datos con todas as tecnoloxías de asistencia existentes

luns, 24 de xaneiro do 2022 S. P.

A investigadora do Centro de Investigación TIC da UDC (o CITIC) Thais Pousada participa como profesional experta na validación da ferramenta Assistive Product Explorer, promovida polo grupo GATE da Organización Mundial da Saúde (OMS), unha iniciativa que se atopa en fase piloto e cuxo obxectivo é dar forma a “unha gran base de coñecemento internacional sobre os produtos de tecnoloxía de asistencia dispoñíbeis”, sinala o CITIC.
O proxecto ASPREX (Assistive Product Explorer Artificial Intelligence – Assistive Product Explorer) achegará pois unha gran base de datos accesíbel para toda a poboación e contará cun sistema de razoamento en liña que brindará orientación sobre os produtos de asistencia que mellor se adapten ás necesidades e circunstancias individuais de cada usuario, baseándose en algoritmos de Intelixencia Artificial.
O CITIC explica que nesta primeira fase, diferentes expertos internacionais validarán o sistema e incorporarán melloras e novas regras de coñecemento para contribuír coa solidez e diversidade desta gran base de datos. O centro coruñés tamén engade que arestora é posíbel acceder á mesma en fase beta, malia que só se atopa dispoñíbel en inglés (estando prevista a tradución a outras linguas).

PUBLICIDADE