The Humble Bundle achégase a Android con xogos multiplataforma

mércores, 1 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

O ano pasado rematou con The Humble Indie Bundle superando os 2 millóns de dólares, e esta iniciativa de recompilar videoxogos chamada The Humble Bundle dá agora un paso moi importante, xa que recolle por primeira vez 3 videoxogos multiplatforma, que funcionan indistintamente en Windows, Mac OS X, Linux e Android, permitindo así gozar destes títulos no ordenador e no móbil por un prezo que pode fixar o usuario libremente, contribuíndo a unha causa altruísta (a organización Child’s Play ou a Fundación Fronteiras Electrónicas).
Os xogos empaquetados neste novo bundle son Anomaly: Warzone Earth, Osmos e EDGE, podendo facerse tamén con World of Goo, no caso de pagar polo xogo máis da media (no momento de escribir estas liñas a media pagada pola recompilación de xogos é de 5,97 dólares).
Podemos facernos con estes títulos durante os vindeiros 13 días, superándose xa a barreira das 90.000 copias vendidas (e do medio millón de dólares recadados) demostrando que videoxogos e caridade poden facer boas migas.
Podemos facernos unha idea do que achegan os xogos para ordenador e Android no seu vídeo promocional:

PUBLICIDADE