The Last of Us Parte II estreará versión para PS5 este venres

martes, 16 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

O vindeiro venres chegará a PlayStation 5 a versión remasterizada de The Last of Us Parte II, que pode adquirirse de xeito independente (a un prezo de 49,99 euros) ou como actualización dende a versión para PlayStation 4 (por 10 euros), de xeito que o título poderase xogar cuns gráficos moi mellorados, aínda que as novidades non se limitan a adaptar o xogo á potencia das consolas de nova xeración.
A grande novidade, que xa en si pode xustificar a compra da actualización para os que tivesen a edición para PS4, é un novo modo chamado Sen Retorno, que vén a ser un modo de supervivencia roguelike, no que poderemos controlar a un cadro de 10 personaxes (algúns que nunca se puideron manexar no mundo de The Last of Us). Lembremos que neste tipo de xogo cada partida é distinta, polo que pode ser un xeito ideal de alongar a vida a este magnífica entrega da que está a ser a franquía de PlayStation máis influínte na última década.
Esta expansión claramente busca afondar no combate dentro do xogo, pero tamén hai aspectos menos violentos mellorados, como a posibilidade de poder improvisar coa guitarra xogando como Joel, Ellie, ou mesmo Gustavo Saltaolalla (compositor da banda sonora).
A actualización do xogo está a ser moi criticada por certo sector de xogadores, que a considera innecesaria, e entende que simplemente forma parte da campaña de promoción da segunda tempada da serie de HBO Max baseada no xogo, pero probablemente estas voces deixen de escoitarse unha vez que o xogo chegue ás consolas e poida comprobarse que é máis que un simple pulido para facer que os usuarios volvan pasar por caixa.