The Last of Us Parte II pospón indefinidamente o seu lanzamento

xoves, 2 de abril do 2020 Marcus Fernández

O anos pasado Naughty Dog anunciou que o seu xogo The Last of Us Parte II adiaría o seu lanzamento do 21 de febreiro ao 29 de maio de 2020, o que para moitos non inspiraba moita confianza, xa que o anterior grande lanzamento do estudio, Uncharted 4, tamén tivo numerosos adiamentos. Pero uns pequenos axustes de calendario para pulir o produto final non serían preocupantes, xa que o previsible sería que o agardado xogo chegase ás tendas antes do verán, anticipándose á campaña de lanzamento da nova xeración de consolas de videoxogos, pero a conxuntura actual fai que iso non sexa posible e a incerteza levou a que anunciasen simplemente que o xogo non sairá na data prevista, sen ousar a fixar unha data de lanzamento final.
Dende Naughty Dog aseguran que The Last of Us Parte II está practicamente rematado, atopándose actualmente nun proceso de depuración para eliminar os fallos que van detectando, ou sexa, que desta volta non é o estudio quen adía o lanzamento, senón que argumentan que os problemas loxísticos fan imposible a distribución do xogo, e para realizar como merece o lanzamento do que poderiamos considerar o máis importante xogo para PlayStation 4 de 2020, prefiren agardar a un momento propicio.
Cómpre salientar que nas últimas semanas está a haber problemas coa distribución de grandes lanzamentos como son Resident Evil 3 Remake e Final Fantasy VII Remake, o que acusan principalmente os establecementos físicos, que teñen problemas tanto para abastecerse de unidades de xogos moi esperados e con reservas realizadas por clientes habituais, como para poder facer chegar os xogos aos seus clientes (en función das medidas de confinamento de cada territorio). Eses xogos tiñan en marcha todo o seu mecanismo de marketing antes da declaración de pandemia, polo que pouco podía facerse para evitar a situación, pero coa secuela de The Last of Us era posible corrixir o rumbo, para non ensombrecer a chegada deste grande título e, especialmente, non prexudicar ás tendas tradicionais levando aos xogadores a mercar unha copia descargable para poder gozar do xogo o día do seu lanzamento.

Iron Man VR

Pero o título de Naughty Dog non é o único que experimenta múltiples adiamentos, e Iron Man VR, que mudar a súa data de lanzamento do 28 de febreiro ao 15 de maio tampouco sairá na data prometida, e queda á espera da normalización da distribución para fixar a súa data de saída.

Tráiler de The Last of Us Parte II

PUBLICIDADE