The New York Times asegura que os usuarios avergóñanse das súas BlackBerry

martes, 16 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Rachel Crosby recoñece que non amosa a súa BlackBerry en eventos sociais e xuntanzas para evitar que a xulguen

Esta semana está a causar certo rebumbio un artigo de Nicole Perlroth para o The New York Times no que definen a BlackBerry como unha ovella negra, a tenor dunha conversa con Rachel Crosby, representante de vendas en Los Ángeles que recoñece agochar o seu terminal BlackBerry en eventos sociais e xuntanzas por medo a que se algún cliente o vexa a xulgue negativamente. Esta postura contrasta coa boa acollida que tiveran as BlackBerry hai uns anos, converténdose en produtos de elite que foron perdendo relevancia fronte ao iPhone e aos novos móbiles con Android e, aínda que actualmente RIM continúe a vender ben en mercados emerxentes, nos EE.UU. está a pasar por horas baixas, con menos do 5% de cota de mercado (cando hai cousa de 3 anos dominaba a metade do mercado de smartphones).
No último ano moitas das empresas que permanecían fieis as BlackBerry sucumbiron ante as demandas dos seus empregados e deron o salto ao iPhone ou a móbiles con Android, e incluso Goldman Sachs ou a Casa Branca, que apostaban por BlackBerry pola súa seguridade, xa levan un tempo empregando o smartphone de Apple.
Tal parece ser o rexeitamento que espertan actualmente as BlackBerry que o músico Craig Robert Smith asegura que “os usuarios de BlackBerry son como os usuarios de MySpace. Probablemente continúen a chatear en AOL Instant Messenger”, declaración que deixa claro que non é que as BlackBerry sexan malas, senón que para certos grupos sociais son xa cousa do pasado, chegando a tratar aos seus usuarios con desprezo e humillándoos publicamente, mentres que os usuarios de smartphones máis modernos poden navegar pola web a meirande velocidade, utilizar a navegación GPS, facer uso de numerosas aplicacións sociais e tomar fotografías de alta resolución, mentres que os usuarios de móbiles de RIM permanecen alleos a toda unha revolución que xa non é nova, senón que está nunha fase de consolidación.
De todos os xeitos continúa a existir xente que opta por BlackBerry como unha solución áxil para escribir correos electrónicos en mobilidade grazas ao seu teclado físico, á vez que consideran bastante prescindibles a meirande parte das aplicacións móbiles que só teñen unha utilidade moi puntual. Haberá que agardar uns meses para ver se co lanzamento de BlackBerry 10, os usuarios fieis de RIM poden ver premiada a súa paciencia, ou se o mercado continúa a dar as costas a unha plataforma sólida e solvente que simplemente perdeu o favor do público.

O artigo do The New York Times incluso está a inspirar tiras cómicas

PUBLICIDADE