The New York Times explora o aproveitamento de Alexa para captar audiencias

venres, 11 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

The Daily é programa diario (de luns a venres) conducido por Michael Barbaro dende o que The New York Times permite facer un achegamento sonoro á actualidade, ou sexa, o podcast de actualidade dunha das cabeceiras de prensa máis relevantes do mundo, que está a dar un paso importante ao buscar integrarse cos asistentes de voz, de xeito que agora é posible gozar desta publicación a través de Alexa.
Os usuarios de altofalantes Echo de Amazon ou outros trebellos que integren o asistente Alexa poderán solicitar a reprodución do resumo informativo de The New York Times (realizado tamén por Barbaro, pero nun formato condensado) ou a reprodución de The Daily, e incluso crearon skills con xogos interactivos sobre as novas máis relevantes, realizan escolmas musicais semanais ou ofrecen recomendacións de lectura a través do asistente de voz, deixando claro que o medio quere experimentar coa aceptación que pode ter este xeito de comunicación moi próximo á radio, pero nacido nun contexto dixital.
Cómpre lembrar que practicamente calquera medio de comunicación pode adaptar o seu fluxo de novas para a súa integración en Alexa, tanto como unha skill independente como a través da canle de novas, de xeito que cando un usuario pregunte polas novas do día o sistema entregará os audios coas últimas informacións publicadas de xeito sonoro (o que nuns casos son vídeos ou podcast, mentres que noutros son conversións automáticas de texto a voz).

PUBLICIDADE