The Phone House pecha tendas e comeza a rexistrar perdas

luns, 22 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Mentres nas últimas semanas coméntase que a chegadas das eSIM ou tarxetas SIM virtuais pode pór en perigo o modelo de negocio das tendas físicas de telefonía móbil, parece que non haberá que agardar á súa chegada para ver que os cambios dos hábitos de consumo están a ser moi acusados, e así o estarían a reflectir os resultados da compañía The Phone House, que segundo veñen de dar conta dende Sabemos Digital, perdeu 12 millóns de euros no último exercicio e tivo que pechar 65 tendas.
The Phone House tería facturado no último exercicio dispoñible no rexistro mercantil un total de 382 millóns de euros, un 19% menos que o ano anterior, e no que se refire aos resultados e explotación pasarían de 5,9 millóns de euros de beneficios a 15,2 millóns en perdas. En número de tendas, pasou de 356 (198 franquías) a 307 (178 franquías), o que tivo un impacto directo no emprego, pasando de 2.124 traballadores de media a 1.951.
Destes datos podemos deducir que a marca británica tocou teito en España, e esta compañía que chegou a superar os 500 establecementos podería entrar nun ciclo baixista na liña do que aconteceu, por exemplo, con Telecor (filial de telecomunicación de El Corte Inglés) que nos dous últimos anos perdeu preto do 60% das súas tendas.
Resulta difícil prever se estamos ante unha tendencia imparable, que irá a máis segundo continúe incrementándose a compra de terminais libres, ou se estamos nunha simple estabilización do sector ao ritmo actual do mercado (xa que o ciclo de renovación de smarphones é cada vez menos frecuente, a que cada vez os usuarios perciben unha menor necesidade de renovar os seus terminais).

PUBLICIDADE