The Wall incorpórase aos fondos do Museo do Pobo Galego

xoves, 18 de xuño do 2026 Redacción

O Museo do Pobo Galego e a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) formalizaron unha colaboración que permitirá incorporar de maneira estable o videoxogo galego aos fondos, espazos expositivos e iniciativas de divulgación da institución compostelá. O acordo abre unha nova etapa para o recoñecemento do videoxogo como parte do patrimonio cultural contemporáneo de Galicia.
A primeira acción derivada desta colaboración é a doazón de The Wall aos fondos do Museo do Pobo Galego. Desenvolvido polo programador ourensán Álex González e comercializado en 1986, está considerado o primeiro videoxogo galego coñecido. A súa incorporación constitúe o punto de partida dun proxecto compartido entre ambas as entidades, centrado na conservación, estudo e difusión desta manifestación cultural.
A iniciativa supón tamén un recoñecemento ao labor desenvolvido polo MUVI desde a súa creación en 2019 para promover o videoxogo como parte do patrimonio cultural galego. O traballo da fundación busca superar unha visión exclusivamente lúdica deste medio e integralo nos procesos de preservación, documentación e investigación patrimonial, en diálogo co resto de expresións que conforman a memoria cultural do país.
Galo e Jacobo Martínez, cofundadores da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, consideran que este acordo representa «un dos momentos máis importantes da historia da entidade». Segundo sinalan, «levamos dende o ano 2019 traballando para que o videoxogo sexa entendido en Galicia como parte da nosa cultura contemporánea e tamén da nosa memoria colectiva. Este acordo representa a demostración de que merece ser preservado, estudado e compartido igual que calquera outra expresión cultural».
The Wall será presentado en formato interactivo, seguindo os criterios de conservación e divulgación desenvolvidos polo MUVI. A peza servirá ademais como base para unha futura proposta expositiva dedicada ao videoxogo galego, chamada a integrarse nas novas salas de historia contemporánea do Museo do Pobo Galego, actualmente en desenvolvemento.
O proxecto impulsado polo MUVI ten a súa orixe a finais de 2018 e deu lugar a diferentes iniciativas para situar o videoxogo dentro do ámbito cultural galego. Entre elas figuran a apertura do Museo do Videoxogo como o primeiro museo especializado en videoxogos aberto en España, a creación en 2019 da primeira base de datos de videoxogos feitos en Galicia e en galego preservados pola entidade, a constitución da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia en 2020 e a organización de exposicións e actividades divulgativas en espazos como o MARCO de Vigo (2020) e o Museo MIHL de Lugo (2023).
A estas actuacións sumáronse a incorporación da fundación ao Sistema Galego de Centros Museísticos en 2024 e o establecemento de colaboracións con institucións culturais e académicas de referencia, entre elas a Biblioteca de Galicia e DeVuego.